O centro de día de Tomiño abre as súas portas con actividades para todos os públicos O 28 de novembro haberá obradoiros de ximnasia articular e xogos participativos, ademais de videofórum, charlas e unha exposición

O centro de día de Tomiño abre as súas portas a toda a cidadanía con actividades para todas as idades. Este martes 28 de novembro o centro, situado na Rocha e que atende a más de 50 usuarios do municipio e da contorna, organiza un programa pensado para que toda a comunidade coñeza e disfrute das súas instalacións por unhas horas.

As actividades comezarán ás 11.00 horas co videofórum ‘Eu tamén quero’, coa proxección dos vídeos ‘Quero seguir opinando’ e ‘Quero seguir facendo’, de Lourdes Bermejo, que darán paso a unha mesa redonda sobre o empoderamento en situacións de dependencia. No debate participarán a concelleira de Servizos Sociais do concello de Tomiño, Cristina Martínez; a axente de Igualdade do concello Silvia Alonso; a psicóloga do CD Tomiño Paula Puga; e Pilar Barral, veciña que achegará o seu testemuño sobre o empoderamento na terceira idade.

Tras o debate chegará o  momento de moverse coa xerontozumba (12.15 h), cun obradoiro de ximnasia articular e movemento con música a cargo da terapeuta ocupacional do CD Tomiño Carmen Baz.

Xa pola tarde, ás 16.00 horas a especialista Débora Baz abrirá o debate sobre ‘A sexualidade na terceira idade’, falando dos seus mitos e a variabilidade a medida que pasan os anos para tratar de romper os tabús existentes que abranguen este tema sobre todo en idades avanzadas. Ás 17.30 horas realizaranse xogos por grupo con diferentes probas simulando algún déficit sensorial para poñerse no lugar dunha persoa dependente.

Ademais, ata o vindeiro 12 de decembro estará aberta ao público nas instalacións do centro a exposición interactiva ‘Non pesan os anos, pesan os mitos’ sobre os mitos e estereotipos na terceira idade.

Todos os interesados en participar nalgunha das actividades deben de inscribirse no teléfono 986 623 326, no correo electrónico cd.tomino@cogami.gal ou á rúa Monte Pombal, no barrio da Rocha. Este centro de día, que atende a máis de 50 usuarios do municipio e da contorna, é un centro de atención diúrna con servizo de comedor pertencente á rede de centros de maiores da Xunta de Galicia.