O cineclub Poleiro cumpre 20 anos cun novo ciclo de cine e un bono participativo de 5 euros Comezará o vindeiro 1 de febreiro coa proxección da comedia dramática ‘Ciudadano ilustre’, de Gastón Duprat e Mariano Cohn

O cineclub Poleiro está de aniversario e quere celebrar por todo o alto os seus 20 anos de vida: cun novo ciclo de cine e cun bono participativo de tan só 5 euros para desfrutar dos catro filmes que se proxectarán entre febreiro e maio. “Quixemos aproveitar o noso aniversario para facer unha rebaixa para todos aqueles que desfrutan acudindo a ver as películas que propoñemos”, asegura o membro do cineclub Ramón Álvarez.

Trátase dun abono para ver as 4 películas que forman parte deste novo ciclo e que poderán retirarse directamente no auditorio de Goián momentos antes da proxección dos filmes ou poñéndose en contacto directamente co cineclub. Para os membros de Poleiro, chegar a estes 20 anos de vida e seguir propoñendo cine á poboación de Tomiño “é todo un éxito”.

A literatura como eixo central

Con este ciclo, o cineclub pretende facerlle unha chiscadela ao mundo da literatura con obras narrativas na que os seus protagonistas están ligados dun xeito ou outro ao mundo das letras.

O ciclo arrancará o vindeiro 1 de febreiro (21.30 horas no auditorio de Goián) coa proxección do filme ‘Ciudadano ilustre’, unha comedia dramática dirixida por Gastón Duprat e Mariano Cohn que lle valeu a Copa Volpi ao mellor actor ao seu protagonista, Óscar Martínez. A película conta a historia de Daniel Mantovani, un escritor arxentino que vive en Europa dende hai máis de tres décadas e consagrado mundialmente tras gañar o premio Nobel de literatura que regresa ao pequeno pobo no que naceu, Salas, onde lle van a conceder a medalla de Cidadán Ilustre.

A viaxe terá múltiples arestas: será o regreso triunfal ao pobo que o viu nacer, unha viaxe ao pasado na que se reencontrará con vellos amigos, amores e paisaxes de xuventude, pero sobre todo será unha viaxe ao corazón mesmo da súa literatura, á fonte das súas creacións e inspiración. O escritor irá constatando as insalvables diferenzas que o transformarán nun elemento estraño para a vida do pobo ao tempo que a calidez da cidadanía vai desaparecendo a medida que as controversias se multiplican.

Próximas proxeccións

O xoves 1 de marzo o cineclub Poleiro continúa o ciclo coa proxección do drama biográfico da poetisa estadounidense Emily Dickinson, ‘Historia dunha paixón’, un dos traballos máis intensos do director Terence Davis. A película conta a vida da poeta, dende a súa infancia e a súa etapa escolar en Amherst aos seus anos escribindo nun total illamento recluída na casa dos seus pais. Conta as excentricidades dun personaxe considerado como rebelde e feminista e como durante a súa vida foron publicados só sete dos seus poemas, xa que a súa poesía empezou a acadar sona tras a súa morte en 1886.

O xoves 5 de abril será a quenda de ‘Cartas da guerra’, un drama do director portugués Ivo Ferreira. O filme está baseado na obra homónima de Antonio Lobo Antunes, nas que detalla as cartas que un novo soldado enviaba á súa muller durante os dous anos que estivo en Angola traballando de alférez médico mentres sucedía a Guerra Colonial lusa e nas que se reflicten a dureza vivida polos portugueses neste conflito. Foi nomeada ao León de Ouro na categoría de Mellor Película.

O ciclo rematará o xoves 3 de maio coa proxección do filme ‘Paterson’, unha película dramática escrita e dirixida por Jim Jarmusch e producida entre Estados Unidos, Francia e Bélxica. A cinta conta sete días na vida dun condutor de autobús e poeta afeccionado, cunha vida simple e rutineira, e da súa moza, Laura, cunha vida sempre cambiante, con novos proxectos e soños. A película contempla silenciosamente os triunfos e derrotas das súas vidas cotiás, recreándose na poesía que xurde nos detalles máis pequenos.

O cineclub Poleiro conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Tomiño e da Federación de Cineclubes de Galicia.



X