O compositor tomiñés Andrés Álvarez compón unha nova peza, estreada nun encontro de bandas de música - O compositor explicou durante o encontro o proceso de creación dunha obra musical e asistiu aos ensaios da súa nova peza

No marco do Encontro Musical de Escolas de Bandas de Música que se celebrou esta semana en Covelo, o músico goianés Andrés Álvarez, estreará unha nova peza musical para banda, composta especialmente para a ocasión. Esta obra, 100% galega, é o resultado da interpretación do músico da historia que a escritora viguesa Ledicia relata na súa obra “Escarlatina, a cociñeira defunta”, premios Merlín de Literatura Infantil 2014 e Nacional de Literatura Infantil 2015.

Poema fantasmagórico

Máis de 120 alumnos das escolas de música das bandas de Candeán, Goián e Vincios asisten estes días en Mondariz, ao II Encontro Musical de Escolas de Bandas de Música. Para este encontro, as tres escolas de música encargaron en exclusiva unha obra ao compositor tomiñés.

Para a composición deste “poema fantasmagórico para banda”, Andrés Álvarez baseouse na novela xuvenil que narra como Román Casas quería ser un auténtico chef, e para iso pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos.

Para narrar musicalmente esta historia, o compositor ilustra as diferentes personaxes da novela cos instrumentos da banda, nunha composición cargada de ritmo, enerxía e nostalxia que farán que o público se transporte musicalmente ao mundo de Roman e Escarlatina.

Hoxe o  compositor explicou durante o encontro, para os participantes, o proceso de creación dunha obra musical e asistiu aos ensaios da súa nova peza.

O campamento remata mañá, no Campo da Feira de Covelo onde unha gran banda xuvenil interpretará, entre outras, a peza “Escarlatina, a cociñeira defunta”.

A actividade conta co apoio da Deputación de Pontevedra e Concello de Covelo.