O Concello avanza na reforma do Auditorio de Goián para escola de música

O proxecto contempla a racionalización dos espazos existentes e a ampliación de outros

Reformas auditorio 2º fase 1

O Concello de Tomiño continúa levando a cabo a reforma do Auditorio de Goián, co propósito de dotar á Escola de Música dunhas instalacións axeitadas ás súas necesidades.
O proxecto, deseñado polos arquitectos Perfecto Cendón e Javier Vázquez, contempla a racionalización dos espazos xa existentes e a ampliación de outros. Nas dúas primeiras fases procedeuse á mellora da accesibilidade ao edificio e ao acondicionamento de espazos comúns para a creación dunha sala principal de ensaios.
Na actualidade, trabállase na creación dunha fonoteca-biblioteca, unha secretaría, unha nova aula e un acceso exclusivo para a escola de música.
As obras inclúen tamén a urbanización da contorna inmediata do auditorio, coa modificación das actuais escaleiras, e a creación dun novo acceso e rampla, así coma o acondicionamento acústico das instalacións.
O goberno local de Tomiño, que preside a alcaldesa Sandra González, investirá case 200.000 euros nesta segunda fase, consignados nos orzamentos 2015 e procedentes de fondos europeos, despois de que as repetidas xestións levadas a cabo pola rexedora para conseguir o apoio económico da Xunta de Galicia, resultaran infrutuosas.
“Esta actuación ten coma obxectivo dotar aos compoñentes da Agrupación Musical de Goián, dunhas instalacións axeitadas para o seu funcionamento coma escola de música. Este colectivo leva moitos anos funcionando e impartindo clases a máis de cen nenos e nenas do municipio, e merece, polo tanto, dispoñer dunhas instalacións dignas”, explica a alcaldesa.
A agrupación musical leva unha década ensaiando no auditorio goianés nos espazos dispoñibles, incluídos cafetería, sala de fotocopias ou, incluso, cuartos de baño. De alí que fora imprescindible a racionalización e mellora do espazo existente.