04 Feb 2015 O Concello comezará en breve a construción dunha pista de atletismo para uso compartido entre o colexio Pedro Caselles e particulares

Tras a aprobación definitiva dos orzamentos 2015, nos que se consignou unha partida de 30.000 euros para esta obra, o goberno local ultima os trámites para poder empezar as obras

O Concello de Tomiño comezará en breve as obras de construción dunha pista de atletismo situada na Área Deportiva do Mosteiro, a carón do colexio público CEP Pedro Caselles.
Tras a aprobación definitiva dos orzamentos 2015 (hai uns días), nos que se consignou unha partida de 30.000 euros para esta obra, o goberno local ultima os trámites para poder comezar as obras.
Trátase duna pista de atletismo para uso compartido (polas mañás será o alumnado o que a utilice, e polas tardes estará dispoñible para a veciñanza en xeral). Deste xeito, ampliarase a Área Deportiva do Mosteiro, que conta xa con varias pistas de tenis e pádel.
A alcaldesa, Sandra González, informou que o Concello xa solicitou os permisos e licenzas pertinentes á Xunta de Galicia, e simultaneamente, mantivéronse conversas coa Consellería de Educación sobre o uso compartido das instalacións, manifestando esta última estar de acordo.
“O goberno local ten entre as súas prioridades promover as actividades deportivas e realizar unha xestión eficaz dos recursos dispoñibles, e entendemos coma unha boa oportunidade potenciar a xestión e uso compartido destas pistas, que estarían a disposición de ambos colectivos, rentabilizando o investimento e incrementando o número de usuarios/as, o que reverte nun uso máis racional do equipamento”, comenta González.
A experiencia previa, coas pista de tenis e pádel da área deportiva do Mosteiro, que comparten estudantes e particulares, é moi gratificante e beneficia tanto á comunidade educativa, coma a cidadanía en xeral. Empréganse por parte do alumnado e ao mesmo tempo, desenvólvense nelas actividades formativas coma as escolas municipais de tenis e pádel, organizadas polo Concello actividades formativas coma as escolas municipais de tenis e pádel, organizadas polo Concello.
Coa nova pista de atletismo, o Concello favorece a práctica de deportes alternativos, coma o “running”, en auxe na actualidade, cunha maior seguridade vial, xa que moitos veciños corren polas estradas do municipio, cos perigos que iso supón.
A nova pista tería catro calles e 200 metros de lonxitude, cun peche perimetral que restrinxa o acceso ao colexio ou aos particulares, segundo o horario de que se trate.

 

 



X