O Concello contrata catro persoas desempregadas para controlar a flora exótica invasora na ribeira do Miño

. Con esta intervención téntase concienciar á poboación e a outras administracións públicas, da importancia do problema

. As labores enmárcanse dentro do Proxecto de erradicación e control de flora exótica invasora na Zona de Especial Conservación (ZEC) Baixo Miño, dentro da Rede Natura 2000

 

O Concello de Tomiño está levando a cabo a segunda fase do proxecto de control de flora exótica invasora na ribeira do Miño. Esta segunda fase comezou coa realización dun curso de formación sobre a problemática das especies invasoras, celebrado durante o mes de marzo.

Posteriormente, entre os asistentes ao curso, procedeuse á contratación de catro persoas desempregadas, residentes en Tomiño, co propósito de realizar as labores de erradicación. Os traballos comezaron no mes de abril e continuarán ate finais de maio.

 

As labores enmárcanse dentro do Proxecto de erradicación e control de flora exótica invasora na Zona de Especial Conservación (ZEC) Baixo Miño, dentro da Rede Natura 2000. Este proxecto está cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

 

Ate o momento, o grupo a cargo da intervención, eliminou mimosas, calas, herbas da pampa e tritonias (sobre 200 exemplares en total); aproximadamente 1000 exemplares de acacia negra e robinia, uns 600 m2 de tradescantia fluminensis e máis de 4000 plantas de eucalipto.

 

Estas intervencións estanse a realizar tanto en terreos públicos, como en fincas privadas, previo contacto e autorización dos propietarios.

 

A ZEC Baixo Miño é o segundo espazo natural de Galicia, con maior número de invasoras, o que supón un risco considerable para as especies autóctonas, que son as que configuran a singular paisaxe e os valores naturais únicos e diferenciados deste último tramo de ribeira.

 

Con este proxecto, segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Mª Xosé Vázquez, o  Concello de Tomiño pretende iniciar unha liña de traballo á que se lle pretende dar continuidade no tempo, e incluso estendela a outras áreas.

 

Ademais, “con esta intervención téntase concienciar á poboación e a outras administracións públicas, da importancia do problema”, advirte a concelleira, quen participou nunha das sesións de  limpeza (fotos).