06 Xul 2015 O Concello de Tomiño amplía a senda polo río Miño até a Atalaia de Goián.

O Concello de Tomiño ven de ampliar a senda polo río Miño até a Atalaia de Goián. A senda recupera o antigo roteiro que os veciños e o corpo de carabineiros empregaron no pasado e que percorre a ribeira do Miño.
A senda ten un alto valor paisaxístico, histórico e turístico constituíndo un dos traxectos máis fermosos da comarca. A rota continúa a marxe do río sendo este o que marca o traxecto.
Este proxecto ven a ampliar a senda xa existente que unía o Espazo Fortelaza coa praia de Eiras xa no Concello de O Rosal e que tanta afluencia ten tido desde que se puxo en funcionamento.
O novo tramo continúa dende o Espazo Fortaleza en dirección cara Tui e conectará a este punto coa Atalaia ou Torre dos Ratos de Goián. O vindeiro tramo no que se está a traballar, enlazará este enclave coa antiga comandancia de Forcadela. En total, o treito suma máis de 4 km.
Este tramo que contou cun orzamento de 96.958, 17 € foi beneficiario dos fondos Leader. Ademáis, tamén os fondos europeos do Programa Feader financiaron parte do custo dos paneis interpretativos cos que conta a nova senda.
A sinalización e interpretación é outro dos proxectos que leva parello a ampliación da senda. Por en valor o patrimonio medioambiental forma parte da recuperación dos vellos sendeiros das marxes.
A estrea deste novo tramo ven acompañado da cesión por parte da Xunta de Galicia ao Concello de Tomiño das parcelas colindantes da Ponte Internacional que foran expropiadas con motivo da súa construción no ano 2004. O terreo inclúe a Atalaia, Ben de Interese Cultural protexido pola lexislación do patrimonio que permitirá que o Concello poida recuperar e por en valor o enclave. Ademáis, esa cesión permitirá nun futuro conectar a senda do río coa Ponte Internacional e permitir a comunicación aos usuarios dende a estrada que liga Tomiño con Cerveira.
Uxío Benítez, Concelleiro de Patrimonio, destaca o traballo que “dende o concello estamos a facer co fin de abrir Tomiño ao río. Este novo tramo da senda permitirá aos veciños e veciñas así como aos que nos visitan, camiñar, andar de bicicleta ou correr por un espazo idóneo non só para a práctica do exercicio deportivo senón para o disfrute dos sentidos. O goberno local busca recuperar os vellos sendeiros e consolidar o seu disfrute polos veciños e veciñas”.



X