20 Ago 2014 O Concello de Tomiño aproba as bases para axuda á compra de material escolar das familias que máis o precisan

As axudas, que son para material, son compatibles coas de libros doutras administracións.

O concello de Tomiño vén de publicar as bases para axuda á compra de material escolar daquelas familias que máis poidan precisalo. As bases están abertas até o vindeiro tres de setembro e preténdese que as persoas poidan dispoñer desta nova axuda ao mesmo tempo que mercan os libros para o inicio de curso.

As axudas incluén dende infantil até bacharelato, e os requisitos mínimos para poder optar a elas son:

• estar empadronado no concello de Tomiño
• convivencia co alumno para quen se solicita a axuda
• ter unha renda per capita de até 6.000 euros anuais
• estar matriculado para o curso 2014 / 2015

Toda a documentación a cubrir pode solicitarse no concello de Tomiño, nas oficinas xerais, na web do concello www.concellotomino.com ou no teléfono 986 62 20 03. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 3 de setembro.

As bases para as axudas foron propostas pola concelleira e alcaldesa ao Consello Escolar Municipal, órgano que tivo na súa primeira reunión en xuño deste ano. Nesta primeira xuntanza tamén se acordou reforzar axudas para as familias con nenos a cargo e con especiales dificultades no verán pola ausencia do comedor escolar. As axudas non só se deron a nenos e nenas usuarias de comedores, senón a todos os de especial dificultade tiveran ou non comedor ao longo do inverno.

Asimesmo na xuntanza do Consello escolar a concelleira de educación Olga Orduña deu conta das obras de reparación e mantemento que se ían executar durante o verán aproveitando que as aulas están baleiras. Estas obras lévanse a cabo tanto nos distintos CEP e CEIP, como nas aulas do Colexio Rural Agrupado Manuel Garcés e na mesma escola infantil 0-3 do Seixo. As obras preténdese que estén listas para o inicio do curso e polo momento os traballos van a bo ritmo.

A alcaldesa, Sandra González, agradece a implicación de todos os membros do Consello Escolar Municipal: mestres, pais, nais e membros da corporación municipal e está convencida de que este órgano servirá para acertar mellor nos investimentos e nas necesidades da comunidade educativa en Tomiño. A alcaldesa lembrou o compromiso do seu governo coa educación pública algo que está convencida que é o “longo prazo” máis importante que temos que ter presente en toda administración pública porque está formando os cidadáns do futuro.

 

 



X