O Concello de Tomiño celebra un pleno infantil en Conmemoración do 25 aniversario da Convención dos Dereitos da Infancia

O DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA que se celebra todos os anos o 20 de novembro, é un día adicado a todos os nenos e nenas do mundo. Este ano conmemoramos o 25 aniversario da Convención dos dereitos da infancia. É un día de celebración polos avances acadados, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.
Por este motivo, o concello de Tomiño organizou un PLENO INFANTIL o venres 20 de novembro para sumarse a este chamamento mundial a favor da infancia e dos nenos e nenas máis vulnerables. Neste pleno participaron a alcaldesa, algúns membros da corporación, dúas representantes de UNICEF e alumnado e profesorado dos sete centros educativos do municipio. O obxectivo deste día é lembrarlle á cidadanía que a infancia é o colectivo que máis sufre as crises e os problemas do mundo.
Hoxe máis de 50 nenos e nenas tiveron a oportunidade non só de ler os máis de 40 artigos cos dereitos recollidos na convención, senón tamén de expoñerlle á alcaldesa as súas suxestións e solicitudes. Alén diso a rexedora municipal foi agasallada por parte do alumnado do CRA, co libro “A cidade dos nenos” de Francesco Tonucci, agasallo moi acertado xa que o concello de Tomiño ten a vontade de acadar o recoñecemento por parte de UNICEF de CIDADE AMIGA DA INFANCIA (CAI). Unha CAI respecta e aplica nas súas políticas, normas e programas os dereitos da infancia contidos na Convención dos dereitos dos nenos e das nenas.



X