13 Nov 2017 O Concello de Tomiño colabora na campaña de doazón de sangue ‘Ti dás o tipo’ Máis de 5.700 tomiñeses e tomiñesas xa doaron dende o ano 1995

O Concello de Tomiño e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, impulsan a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue para acadar as 500 doazóns diarias que se precisan para axudar aos centros hospitalarios galegos.

Se tes entre 18 e 65 anos e pesas máis de 50 quilos podes participar na nova campaña de doazón ‘Ti dás o tipo’ e acudir a:

  • TOMIÑO. MARTES 14 DE NOVEMBRO. De 16.00 a 21.00 horas
    Unidade móbil na Praza do Seixo
  • GOIÁN. MÉRCORES 15 DE NOVEMBRO. De 16.00 a 21.00 horas
    Unidade móbil na Praza Pintor Antonio Fernández

 

Tomiño conta con máis dun millar de doantes censados que dende a primeira visita da unidade móbil do Centro de Transfusións de Galicia ao concello en 1995 realizaron xa máis de 5.700 doazóns. Grazas a este xesto solidario, cada día os hospitais atenden unha media de 2.700 urxencias, realizan máis de 500 intervencións cirúrxicas e levan a cabo 3 transplantes de órganos e tecidos.

Todos aqueles interesados en participar deberán acudir ás unidades móbiles co seu DNI, almorzado e transcorridas dúas horas dende o xantar. É importante informar ao médico de se se está a tomar algún medicamento durante a revisión previa á doazón que fará persoal sanitario autorizado.

Dez unidades móbiles percorren os concellos galegos para atender ás persoas que desexan doar de forma altruísta un elemento necesario que non se pode fabricar e que é vital para enfermos e enfermas que se teñen que operar, que sufriron accidentes, padecen anemias ou hemorraxias, para realizar transplantes… A Organización Mundial da Saúdo recomenda acadar entre 40 e 60 doazóns por cada 1.000 habitantes para cubrir todas as necesidades dos hospitais e Galicia, grazas ao esforzo da súa poboación, leva 17 anos superando esta taxa de doazón.

Dez minutos da túa vida poden salvar a doutros.



X