O Concello e MicroBank subscriben un convenio de colaboración para incentivar a actividade emprendedora

O banco abrirá unha liña de crédito de até 1 millón de euros

O convenio asinado entre o Concello e MicroBank facilitará o acceso ao financiamento dun proxecto emprendedor co fin de contribuír á posta en marcha de novos negocios, co obxectivo de potenciar a creación de emprego.

MicroBank é a única entidade en España dedicada exclusivamente á financiación de necesidades persoais e proxectos empresariais e de negocio a través de microcréditos. O Concello de Tomiño é o primeiro do Baixo Miño en asinar un convenio coa entidade.

Convenio MicroBank 2

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o director da área de Negocio de CaixaBank en Pontevedra Sur, Gonzalo Talegón, asinaron este medio día un convenio de colaboración para facilitar o financiamento de proxectos empresariais a través de microcréditos. No acto, celebrado no Concello, estiveron presentes tamén Antonio Tartaglione, concelleiro de Promoción Económica e Luis Alberto Pascual, director da oficina de La Caixa en Tomiño.

Coa sinatura deste acordo establécese unha liña de financiamento de 1 millón de euros. Os beneficiarios serán persoas físicas e microempresas con menos de 10 (dez) traballadores e unha facturación anual inferior a 2 (dous) millóns de euros.

Os solicitantes poderán optar a microcréditos até un importe máximo de 25.000 euros (cun máximo do 95% do investimento). Os proxectos deberán contar cun plan de empresa e o informe favorable de viabilidade elaborado polo Concello de Tomiño, co visto bo de MicroBank.

O criterio de concesión de microcréditos por parte de MicroBank atende fundamentalmente á confianza na persoa ou o equipo que solicita o préstamo e á viabilidade do proxecto, podendo acceder persoas carentes de garantías e avais.

En virtude deste convenio, o Concello de Tomiño comprométese a detectar as necesidades de financiamento, dirixidas a promover o autoemprego e ao establecemento, consolidación ou ampliación de microempresas e negocios de autónomos, así como a facilitar servizos de apoio e asesoramento empresarial, analizar a viabilidade do proxecto e dirixir ás persoas físicas ou xurídicas asesoradas pola corporación municipal a MicroBank para que este analice, e no seu caso aprobe, as solicitudes de financiamento.

O Concello de Tomiño, a través da Oficina de Emprego e Desenvolvemento Local, realiza distintas accións de orientación laboral encamiñadas a facilitar o acceso a un posto de traballo aos desempregados, así como axudar á implantación de novas actividades económicas no municipio.

“Con este convenio, ou Concello pretende fomentar a creación de emprego e reactivar a economía e o comercio, facilitando á reincorporación ao mercado de traballo de moitas persoas con formación e proxectos viables que ata o de agora non puideron levar á práctica por falta de medios económicos ou de avais”, explicou Antonio Tartaglione, concelleiro de Promoción Económica do Concello de Tomiño.

A alcaldesa, pola súa banda, indicou que o Concello actuará coma primeiro filtro dos proxectos de emprendemento, que resulten de interese e sexan viables. Concretamente, será o Departamento de Desenvolvemento Local o que reciba as iniciativas para valoralas antes de pasalas á entidade financieira.

Durante o exercicio de 2015, MicroBank concedeu en Galicia un total de 735 préstamos destinados a autónomos, emprendedores e microempresas por un importe de 7,8 millóns de euros. Para financiar proxectos persoais e familiares, o banco achegou 16,9 millóns a 3.291 iniciativas.