10 Out 2017 O Concello de Tomiño estrea 9 colectores de recollida de material téxtil Incluíndo roupa usada, calzado e tecidos utilizados no fogar para a súa posterior reciclaxe

Os novos colectores instaláronse en lugares de paso ou moi frecuentados pola poboación tomiñesa tales como: os arredores do Auditorio de Goián, as inmediacións do CEIP de Goián, da gasolineira, do Centro de Saúde de Tomiño, na área deportiva de Mosteiro, en San Salvador, no aparcamento da rúa Calzado no Seixo, fronte á farmacia de Carregal e na illa de reciclaxe próxima ao CEIP de Sobrada.

A recollida de materiais é levada a cabo pola empresa TEXLIMCA, á cal lle foi asignado o servizo mediante un proceso de adxudicación aberto e competitivo, ao que concorreron varias empresas e no que se avaliaron diferentes aspectos do servizo, introducíndose criterios relacionados coa recuperación completa dos materiais recollidos e con campañas informativas e formativas á poboación, con especial atención ao público infantil a través dos colexios.

O Concello de Tomiño será así o primeiro concello da provincia de Pontevedra na que a empresa TEXLIMCA realiza a recollida téxtil. A empresa dedicase á recuperación e reciclaxe de roupa e calzado usados, para a súa reutilización e/ou reconversión en téxtil industrial. Actualmente realiza o servizo en concellos como o de A Coruña, Santiago de Compostela ou nalgúns concellos do norte de Portugal, e proximamente comezará a funcionar tamén en Vigo e Ponteareas.

Dende a Concellería de Medio Ambiente afirman que esta iniciativa constitúe un paso máis no proceso de implantación de novas recollidas selectivas, co obxectivo final de diminuír a cantidade de lixo que vai ó colector verde, rebaixando tanto os custes económicos como ambientais e ecolóxicos.



X