O Concello de Tomiño estudia a creación de “camiños escolares”

O Intendente Principal da Policía Local de Pontevedra, D. Daniel Macenlle mantivo unha reunión esta mañán co concelleiro de Seguridade, Manuel Álvarez e membros do corpo de seguridade de Tomiño.

O Concello de Tomiño está estudando a creación de “camiños escolares” no municipio. A iniciativa supón que os nenos e nenas acudan aos seus centros escolares sós. O proxecto, que está nunha primeira fase de estudo, busca crear espazos amábles para cos máis pequenos e facer do seu concello un lugar seguro e parte do seu mundo perceptivo.
Co fin de traballar neste proxecto, o Intendente Principal do Concello de Pontevedra, Daniel Macenlle, visitou esta mañán o Concello de Tomiño onde mantivo unha reunión de traballo co concelleiro de Seguridade, Manuel Álvarez, e cos membros do corpo de Policía Local. Nesta primeira fase, o Intendente Principal explicou os mecanismos de funciomento dos “camiños escolares” que o Concello de Pontevedra ten en práctica no núcleo urbano.
Os “camiños escolares” na cidade de Pontevedra é unha iniciativa municipal que conta cunha rede de colaboradores que se ubican nos principais cruces de rúas para atravesar os espazos nos que poida haber intensidade circulatoria a motor.
O Concelleiro de Seguridade e Tráfico, Manuel Álvarez González, declarou que “é unha iniciativa na que o Concello leva varios meses traballando e que agardamos facer realidade”. Segundo Álvarez “os “camiños escolares” é un proxecto que beneficiaría os nenos e nenas na súa autonomía e na súa percepción como individuos. É unha iniciativa que ademáis repercutiría na calidade de vida das familias e na construcción como cidadáns do século XXI”.