O Concello de Tomiño fomenta a participación veciñal a través da campaña “O Concello Escoita”

A través dunha rolda de xuntanzas veciñais, que comeza o día 24 de xuño, os representantes do goberno local escoitarán as necesidades e propostas dos cidadáns, informando sobre as obras e proxectos levados a cabo no presente ano

 

Continuando coa política de participación cidadá e implicación social promovida dende o Concello de Tomiño, e tralo éxito de participación obtido na primeira edición, o goberno local retoma por segundo ano consecutivo, a campaña “O Concello Escoita”, consistente nunha rolda intensiva de xuntanzas informativas polas parroquias do municipio, nos meses de xuño e xullo.

A iniciativa pretende, ademais de informar sobre proxectos que se están a executar e previsións de obras, escoitar as necesidades de cada parroquia, de boca dos propios veciños e veciñas, e tomar nota das propostas que queiran realizar. “Queremos que os cidadáns opinen e transmitan o seu punto de vista sobre o funcionamento do Concello; que cousas deben mellorarse e que iniciativas deben desenvolverse para ben do seu entorno”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Logo da presentación da iniciativa e a exposición de temas relativos ao funcionamento do Concello, tales coma as partidas dos orzamentos municipais (gastos e ingresos, proxectos e investimentos previstos, etc.), os responsables do goberno local, escoitarán as dúbidas e consultas dos veciños e veciñas, sobre aspectos relativos á parroquia e ao municipio en xeral.

A rexedora tomiñesa, comenta que o balance da iniciativa da primeira rolda de charlas, no 2013, foi moi positivo, sendo a maioría das consultas veciñais sobre lixo, saneamento, arranxos de estradas e camiños, iluminación pública, etc.

Algunhas das peticións veciñais do ano pasado tiñan que ver con competencias do Concello, e outras coas do goberno autonómico. Porén, todas foron recollidas para tentar darlles unha solución. De feito, moitas das solicitudes veciñais feitas no primeiro “O Concello Escoita”, foron xa satisfeitas.

Ás xuntanzas acoden habitualmente unha representación do goberno local, formada, habitualmente, pola alcaldesa, o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Facenda, Uxío Benítez e os edís de Obras e Medio Rural.

A rexedora agradece a asistencia da veciñanza e o interese amosado polas cuestións municipais e as necesidades dos diferentes núcleos. Asemade, convida a veciños e veciñas a achegarse ás xuntanzas previstas no calendario de visitas.

Segundo o devandito calendario, as visitas comezarán o vindeiro martes, 24 de xuño, en Sobrada (pavillón deportivo ás 20.00 hs.) e Piñeiro (Casa Cultural, 21.30 hs.).

Seguirán o mércores 25 de xuño en Estás (Centro Social. 20.00 hs.) e Figueiró (Centro Cultural. 21.30 hs.); xoves 26 de xuño, en Vilameán (Centro Social. 20.00 hs.) e Santa Mª de Tebra (Centro Cultural. 21.30 hs.); luns 30 de xuño, en Amorín (Casa dos Mestres. 20.00 hs.) e Currás (Casa da C. De Montes. 21.30 hs.); martes 1 de xullo, en San S. de Tebra (Centro Social. 20.00 hs.) e Taborda (Unión del Porvenir. 21.30 hs.); mércores 2 de xullo, en Forcadela (Casa dos Mestres. 20.00 hs.) e Hospital (Casa Social. 21.30 hs.); xoves 3 de xullo, en Barrantes (pavillón deportivo ás 20.00 hs.) e Pinzás (Centro Social. 21.30 hs.); mércores 9 de xullo, en Tomiño (Casa da Cultura. 20.00 hs.) e xoves 10 de xullo, en Goián (Centro Goianés. 20.00 hs.).

Nas reunións mantidas durante o ano pasado, houbo unha media de 40 persoas por parroquia; cifra que se agarda superar nesta segunda edición.

Cartel-XERAL