O Concello de Tomiño inicia os trámites para a apertura do Camiño do Alivio O goberno municipal levará a pleno o próximo 13 decembro o comezo do proceso de expropiación das dúas parcelas afectadas

O Concello de Tomiño segue a dar pasos para transformar o núcleo do Seixo nun espazo público pensado para as persoas, con accesibilidade universal e con calidade urbana. A pretensión do goberno municipal é comezar en breve os trámites necesarios para poder abrir a rúa Camiño do Alivio e reorganizar toda a contorna coa praza do Seixo. No próximo pleno do vindeiro 13 de decembro (21.00 horas) aprobarase o inicio do procedemento de expropiación das parcelas afectadas, nas que se prevé derribar unha das esquinas da rúa e camiñar cara o futuro proxecto de remodelación das rúas Camiño do Alivio e República Arxentina e no que as persoas teñan prioridade.

Nestes intres, esa zona representa un punto conflitivo dentro das rúas de Tomiño, tanto por ser un punto que dificulta a accesibilidade da cidadanía como polo que complica o tráfico rodado, con escasa visibilidade e limitando a mobilidade da zona. O Plan Xeral de Ordenación Municipal xa contempla unha aliñación que lexitima o procedemento expropiatorio e que posibilitará que o entronque da rúa Camiño do Alivio e República Arxentina teña máis de 12 metros de largo, a diferencia dos escasos 5 metros que ten hoxe.

Unha vez aprobado en pleno o inicio do proceso de expropiación procederase á exposición pública do proxecto durante un mes desde a publicación do acordo no diario oficial. Será nese tempo no que os propietarios e propietarias das parcelas afectadas poderán presentar as correspondentes alegacións ou negocien directamente co Concello para tentar chegar a un acordo mutuo. Tras o proceso de exposición pública e no caso de que haxa alegacións deberán resolverse e levarse a pleno novamente para darlle a aprobación definitiva ao proxecto de expropiación.

O goberno local continúa a tomar esta serie de medidas estratéxicas para o futuro desenvolvemento de Tomiño para posibilitar un crecemento máis ordenado no que primen a mobilidade peonil e o desfrute do espazo público.

A futura remodelación do entronque do Camiño do Alivio coa praza do Seixo uniráselle o proxecto estratéxico que se iniciará no 2018, actualmente en tramitación, da Avenida do Seixo, que creará unha nova vía a modo de variante e que permitirá que os vehículos non teñan necesidade de circular polo Seixo. Con isto, o goberno municipal pretende facer de Tomiño un exemplo de núcleo urbano pensado para as persoas e no que a mobilidade peonil e sustentable sexa a prioritaria, xerando maior calidade de vida urbana.