O Concello de Tomiño lanza a súa oferta de actividades extraescolares gratuítas para o curso 2017-2018 A programación inclúe algunhas novidades respecto ao ano pasado

Un curso máis, como ven acontecendo dende o 2015/16, o Concello de Tomiño oferta unha completa programación de actividades extraescolares gratuítas para todo o alumnado do municipio.

Este ano haberá 9 propostas diferentes, elixidas a partires das valoracións facilitadas por familias, alumnado e ANPAs en relación ás desenvolvidas no curso pasado. As actividades abranguen dende inglés e francés (idiomas que serán abordados dende unha perspectiva dinámica e de lecer) ata lingua de signos, baile infantil e zumba.

Tamén desenvolveranse Multideporte, ImaxinAcción (que coma noutras edicións tratará a creatividade a través da discipliña audiovisual) para infantil e para Primaria e Entre Pantallas (similar a ImaxinAcción pero adaptada ao alumnado de secundaria).

As actividades  están organizadas a través da ANPA de cada centro educativo e calcúlase que haberá entre 15 e 20 grupos diferentes. Á espera de que se pechen todas as inscricións, prevese que o alumnado estea repartido en grupos de infantil, primaria e secundaria.

Un total de 209 alumnas e alumnos inscribironse o pasado curso, repartidas entre o CEIP Pintor Antonio Fernández, o CRA Mestre Manuel Garcés, o CEP Pedro Caselles Beltrán,  o IES Antón Alonso Ríos, o CEIP de Tebra, o CEIP de Barrantes e o CEIP de Sobrada. Na presente edición, o Concello de Tomiño agarda igualar ou incluso superar estes resultados.

Escolas de Teatro e Música

Ademais da citada programación, neste curso desenvolveranse novamente a Escola de Teatro e a Escola de Música, ambas no Auditorio de Goián.

No caso da primeira haberá 4 grupos, distribuídos por idades: un de 4 a 8 anos, outro de 9 a 12 anos e outro de 13 a 17 anos. Como novidade, este curso haberá un cuarto grupo para persoas maiores de 17 anos.

Finalmente, na Escola de Música desenvolveranse unha serie de actividades pensadas para o alumnado máis cativo, como o Xardín musical (a partir dos 3 anos) e Música e Movemento I (de 4 a 5 anos); pero tamén haberá outras para o estudantado non tan miúdo: Música e Movemento II (de 6 a 7 anos) e Solfexo (a partir dos 8 anos).

O Concello de Tomiño ratifica así á súa aposta e esforzo por xerar unha oferta de actividades extraescolares ampla, variada e ao alcance de todos e todas os nenos e nenas do municipio, traballando para garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación non formal dos máis pequenos do municipio.