O Concello de Tomiño lembra á veciñanza que o prazo para acometer os traballos de poda, roza ou corta, remata o día 30 de xuño

De non realizar os propietarios dos terreos as tarefas que marca a ordenanza municipal, o Concello poderá executar os mesmos, podendo abrir igualmente, os correspondentes expedientes sancionadores

 

O Concello de Tomiño vén de publicar un Bando Municipal co fin de lembrar á veciñanza que o día 30 de xuño remata o prazo para acometer as tarefas de poda, roza ou corta, segundo o establece a Ordenanza Municipal reguladora da Xestión da Biomasa e Distancias das Plantacións do Concello de Tomiño, así coma a Lei 3/2007 de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Segundo o establecen as citadas normativas, as persoas responsables dos terreos situados nos 50 primeiros metros de solo rústico, a partir da delimitación de núcleo; en solo de núcleo rural ou urbano, deberán acometer os criterios de xestión da biomasa (roza, poda ou corta, segundo proceda), antes do día 30 de xuño.

O bando, asinado pola alcaldesa Sandra González, advirte que no caso de que non se realizaran os traballos antes descritos, “o Concello poderá levar adiante os mesmos, repercutindo os custos derivados deses traballos, nas persoas responsables, e sen prexuízo da apertura do correspondente expediente sancionador”, tendo en conta que as multas poderían ir dos 100€ aos 3000€.