O Concello de Tomiño leva a pleno uns orzamentos sociais e adaptados ao funcionamento dos servizos públicos Ascenderán a 7,2 millóns de euros. O concello incorpora aos orzamentos os fondos conseguidos a través do POPTEC para cooperación transfronteiriza

O goberno local de Tomiño levará a pleno este venres 29 de decembro (20.00 horas) a aprobación dos orzamentos para 2018, que nesta ocasión ascenderá a 7,2 millóns de euros e nos que aspectos como a variante, a cooperación transfronteiriza o Plan de Melloras de Colexios, abastecemento e saneamento terán un aspecto prioritario. Cun incremento de máis dun 6% con respecto ao ano anterior, trátanse duns orzamentos “sociais e adaptados ao funcionamento dos servizos públicos que ten logrado o concello de Tomiño nos últimos 10 anos”, como salienta o concelleiro de Facenda, Uxío Benítez.

Os orzamentos para 2018 contemplan unha partida de 152.127 euros para a execución durante o vindeiro ano do proxecto da Avenida do Seixo, unha nova estrada que suporá a prolongación da provincial EP-3102 a modo de variante. Deste xeito, lévanse a cabo accións recollidas no convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia para levar a diante “un proxecto estratéxico para o futuro do municipio”.

Fondos obtidos a través do POPTEC

Entre as partidas incluídas nestes orzamentos contémplase unha de máis de 130.000 euros para o desenvolvemento da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Tomiño-Cerveira 2014-2020, un proxecto europeo cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea. Este proxecto de cooperación transfronteiriza coa Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira ten un importe global de 500.000 euros entre ambos os dous concellos ata o ano 2019.

Aposta polo persoal e o abastecemento de augas

Por outra banda, os orzamentos municipais para 2018 contemplan un incremento de máis de 100.000 euros no capítulo de Persoal para cumprir os valores da nova RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello de Tomiño, recentemente aprobada.

Entre os investimentos recollidos nos presupostos para o vindeiro ano, volve a destacar a “aposta polos servizos públicos de auga e saneamento” destacando os 50.000 euros en concepto de axudas ás traídas de augas, tal e como foi o compromiso da concelleira de Medio Ambiente este ano reiterando o apoio do concello ás traídas na procura dunha auga de calidade en todas as parroquias.

Entre outros proxectos recollidos nos orzamentos para 2018, o goberno municipal contempla unha partida de 71.573 euros para a mellora de camiños nas parroquias de Forcadela, Piñeiro, Tomiño e Barrantes, que conta cunha subvención de Agader de máis de 59.000 euros.

Plan de mellora dos colexios

Para o gobernó municipal a educación é unha cuestión estratéxica polo que se buscan cambios e mellora a longo prazo. Por este motivo, estes orzamentos contemplan unha   partida de 60.000 euros para o Plan da Mellora dos colexios, que inclúe,  programas como o É aprender, apoio psicolóxico a menores do concello ou axudas a principio de curso para a compra de material escolar, entre outros.

Por outra banda se incluirá unha partida de 50.000 euros para o Plan de Compostaxe e melloras da recollida selectiva ou 30.000  para o Plan de Aforro, co que se pretende conter a factura da enerxía tanto do alumeado público como das instalacións de mantemento municipal como son edificios administrativos, centros educativos, culturais e deportivos.

Coa aprobación dos orzamentos o próximo venres 29 de decembro “en tempo e forma para que non se veza interrompido o funcionamento ordinario do Concello”, Tomiño convértese no segundo municipio da comarca en aprobar os seus presupostos e nun dos poucos da provincia en aceptalos antes de comezar o ano.