O Concello de Tomiño oferta, de balde, actividades extraescolares nos colexios de primaria, infantil e secundaria

  • A oferta inclúe dende Inglés, Francés ou Multideporte, até propostas máis innovadoras, coma Linguaxe de Signos ou iniciación ao audiovisual

 

O Concello de Tomiño financia un programa de actividades extraescolares en distintos centros educativos do municipio. Na oferta formativa, totalmente gratuíta para os estudantes, podemos atopar dende o xa clásico Inglés, Francés ou Multideporte, até propostas máis innovadoras, coma Linguaxe de Signos ou “ImaxinAcción/Entre Pantallas”; un taller que busca fomentar a creatividade e a capacidade de expresión a través do audiovisual.

As actividades ofertadas este curso escolléronse por nivel: para Infantil: Contacontos, Dibucontacontos, InspirArte e Pequenos valentes; para Primaria: Multideporte, Lingua de signos, Inglés, Francés e ImaxinAcción. Por último, para o IES: Zhumba, Inglés e Entrepantallas.

Nalgunhas actividades foi necesario facer varios grupos debido á cantidade de nenas e nenos que estaban apuntados, coma no caso de Inglés, Actividades Infantís, etc.

O número total de mozas e mozos beneficiarios foron 252, sendo 236 socios de ANPAS e 16 non socios.

O programa é unha iniciativa da Concellalía de Educación. Para a selección das actividades, tivéronse en conta diferentes criterios: as características de cada centro educativo, a acollida entre o alumnado (mínimo de 10 persoas), e a vontade de incentivar a empregabilidade e o emprendemento, polo que se contactou con profesionais da zona directamente, non con empresas).

ImaxinAcción é unha das actividades extraescolares máis novidosas que busca fomentar a creatividade dos nenos e nenas do CEIP Tebra e IES de Tomiño. “Tento propoñerlles que desenvolvan as súas propias ideas e lles dean forma, empregando materiais ao seu alcance para crear obras audiovisuais, con variedade de técnicas e ferramentas expresivas, coma stop-motion, animación tradicional, collages, imaxe real, plastilina, etc.”, explica Gonzalo Lomba, profesor que imparte a disciplina por segundo ano consecutivo, con moi bos resultados.

Outra das actividades máis novidosas é a de Lingua de Signos, que pretende impartir técnicas instrumentais de comunicación entre as persoas xordas e as oíntes. Ademais, segundo indica a monitora, Miriam Aller, a práctica desta disciplina ten moitos beneficios complementarios, coma por exemplo, aumentar a atención, favorecer a memoria visual, mellorar a coordinación ocular e manual, promover valores coma a empatía, o respecto, a normalización e descubrir habilidades sociais e comunicativas.

O programa de actividades esténdese entre os meses de outubro de 2016 e xuño de 2017, e representa un investimento de 14.674,88 euros.

A alcaldesa, Sandra Álvarez, tamén concelleira de Educación, explica que este programa tenta ofrecer accións formativas en igualdade, co propósito de que todo o alumnado poida asistir ás clases que elixa, sen que o custe das mesmas, sexa un impedimento para aprender e integrarse.