O Concello de Tomiño para en defensa da igualdade Súmase ás mobilizacións con motivo do Día da Muller para loitar contra a discriminación salarial, social... e contra a violencia machista

“Hoxe, con este xesto de busca dunha sociedade máis xusta e igualitaria, decidimos parar”. Con estas verbas da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, arrancaba a mobilización celebrada na praza do Seixo con motivo do Día Internacional da Muller e no que se chamaba á folga feminista para reivindicar a igualdade para todas as persoas, a “igualdade para a metade da poboación que vive en este planeta e que aquí e en tantas partes do mundo padece discriminación. Comezo polas mulleres que loitan todos os días en calquera lugar do mundo por subsistir, por comer, por protexer aos seus fillos e fillas en condicións de guerra, de opresión ou de fame. Penso hoxe nas mulleres sirias, nas refuxiadas, nas saharauís, nas mulleres de África e América Latina, que sofren esa dobre discriminación: polas súas circunstancias e por ser mulleres”.

Así, ante unha praza do Seixo ateigada, a alcaldesa recordou que a busca da igualdade debe ser “un afán internacional que non se importe de nacións, de bandeiras, de relixións nin de partidismos. Na defensa da igualdade cabemos todos e todas porque soamente buscamos unha sociedade máis xusta. Nada máis e nada menos”.

Entre consignas como ‘Contra a violencia nin un gramo de paciencia’, ‘Ante a discriminación, mobilización’ ou ‘Somos a voz das que non teñen voz’, varias mulleres, entre elas as concelleiras Ana Cristina Martínez e Fátima Rodríguez, participaron na lectura do manifesto co gallo do Día Internacional da Muller, no que “miles de mulleres abandonaron hospitais, aulas, fogares… para demostrar que se nós paramos o mundo para” e para denunciar “o alto valor que representamos en todas as esferas, moitas veces oculto e non retribuído”.

Unha fenda salarial do 28%

As cifras non deixan dúbida á desigualdade. No pasado 2017 en Galicia a fenda salarial entre homes e mulleres foi do 28% en detrimento delas que, ademais de cobrar menos perderon un 9,3% do poder adquisitivo. Cunha taxa de emprego temporal feminino do 27% e un 40% de paradas de longa duración, a precariedade cébase coas mulleres: o 21,8% das galegas teñen contratos a xornada parcial, fronte ao 6% dos homes, e o 35% dos contratos a mulleres o ano pasado foron de menos dunha semana de duración.

E a fenda salarial continúa na xubilación, onde elas cobran pensións un 35,4% máis baixas, “disque porque as nosas nais e avoas non cotizaron. Como ían cotizar se estiveron facendo tarefas na casa polas que nunca se lles pagou, pero vaia se traballaron… Moitas familias saíron adiante grazas ás mans das mulleres nas leiras, co leite das vacas, cosendo, indo á resina e traballando arreo para criar tantas veces moreas de fillos e fillas”, recordou Sandra González.

“Non queremos seguir aturando que case o 70% das horas dedicadas ao traballo doméstico o realicemos as mulleres, sendo responsables da maioría dos coidados de nenos, nenas e tamén de maiores dependentes”, recalcou a alcaldesa, quen fixo fincapé tamén na importancia da loita contra a violencia machista que deixa en Galicia 15 denuncias diarias por violencia de xénero ou unha denuncia semanal por violación.

Sandra González amosouse “convencida e esperanzada con que estamos nun momento de cambio porque a igualdade é unha reivindicación que pasou a ser transversal. Se seguimos na loita seremos capaces de mudar as cousas, de conseguir avances para a igualdade sen esquecer nunca que os dereitos non se regalan, senón que se conquistan”.



X