O Concello de Tomiño presenta un video promocional do servizo de voluntariado municipal

O vídeo foi lanzado hoxe nas redes sociais e interveñen os voluntarios e voluntarias presentando as liñas de traballo do servizo.

O Concello de Tomiño lanza un video promocional do servizo de voluntariado municipal. O servizo de voluntariado local iníciase no ano 2003 cando o concello se dá de alta como Entidade de Acción Voluntaria no rexistro da Xunta de Galicia. Pretende ser referenza clara na organización de voluntarios e voluntarias cuns obxectivos que cumprir, cuns recursos necesarios e cunhas actividades a realizar recollidas nunha programación anual elaborada de xeito cooperativo.
O grupo de voluntariado municipal conta actualmente con máis de 25 mozos e mozas que desenvolven actividades educativas, culturais, sociais, ambientais. Entre as súas áreas de acción están o programa educativo “É Aprender”, proxectos de igualdade, de promoción da lingua e cultura galegas, conmemoración de efemérides, educación afectivo-sexual, recollida de lixo en kaiak etc
O servizo de voluntariado xurdiu como Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e aos poucos anos do seu nacemento iniciou os proxectos no eido do voluntariado. No ano 2011 a Omix participa no programa europeo “Xuventude en Acción” e un ano despois o Concello de Tomiño acada a acreditación como entidade de acollida e envío de voluntarios e voluntarias pertencente ao Servizo Voluntariado Europeo (SVE). Dende o ano 2011 ademais o Concello de Tomiño se beneficia do programa Erasmus + dirixido non só ao voluntariado tomiñés senón aos mozos e mozas en xeral. A través deste programa a mocidade tomiñesa ten participado en encontros e en cursos formativos máis aló das nosas fronteiras como República Checa, Polonia ou Estonia. Actualmente e no marco deste programa os mozos e mozas de Tomiño están participando nun proxecto relacionado coa educación coas linguas minoritarias como tema central.
A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca “a traxectoria de Tomiño na programación do voluntariado europeo e o esforzo do equipo técnico para que os mozos e mozas do concello se poidan beneficiar profesionalmente de formación noutros países”.