O Concello de Tomiño reforzará as axudas para comida ás familias con dificultades económicas

Na primeira reunión do Consello escolar Municipal acordouse crear axudas para material escolar e libros, compatibles con subvencións doutros organismos

Esta iniciativa é consecuencia da proposta do Consello Escolar Municipal na súa primeira xuntanza

O Consello Escolar Municipal celebrou a súa primeira xuntanza (o órgano foi creado o ano pasado), onte ao mediodía no Concello de Tomiño. Uns vinte representantes de Anpas, dirección de centros educativos, partidos políticos, sindicatos, servizos sociais municipais, centros de educación especial, etc. reuníronse co fin de abordar varios temas de interese para a comunidade educativa do municipio.

Presidiu este primeiro encontro a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada pola concelleira de Educación, Olga Orduña.

Entre as propostas do Consello Escolar Municipal, atópase a de reforzar as axudas municipais para comida a familias con dificultades económicas, a maioría destas, usuarias dos Servizos Sociais do Concello, aínda que non exclusivamente.

A medida ten coma fin axudar a sufragar os gastos de alimentación dos nenos e nenas en idade escolar, tendo en conta que durante o verán, moitos deles quedan sen servizo de comedor.

Asemade, respaldouse a iniciativa do goberno local de crear unha axuda para material escolar (compatible con outras subvencións da Xunta ou do Estado), destinadas a sufragar os gastos de material e caderniños de traballo, non incluídos noutras axudas.

As solicitudes para estas axudas poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Tomiño, unha vez se aprobe a orde correspondente.

Na mesma reunión, a concelleira de Educación, Olga Orduña fixo un repaso das obras de mantemento realizadas en centros de Infantil e Primaria do municipio, e deu conta tamén das que se están levando a cabo neste momento, aproveitando o receso escolar, nos colexios de Sobrada, Forcadela, Barrantes, Escola Infantil do Seixo, etc.

A concelleira de Educación, valorou moi positivamente a reunión e anunciou que haberá máis xuntanzas durante o verán para concretar o tema das axudas e outras iniciativas que se propoñan, coma actividades extraescolares, etc.

A alcaldesa, pola súa banda, declarou que deste xeito “vénse a confirmar e ratificar con feitos o compromiso do Concello coa educación e cos nenos e nenas en idade escolar”; un sector de poboación ao que pertencen 2115 persoas (das 13.857 rexistradas no Padrón a día de hoxe), concentrándose a maior parte nos tramos de 0 a 4, 5 a 9 e 10 a 14 anos.