O Concello de Tomiño saca a licitación o servizo de axuda no fogar

Sesenta persoas maiores ou dependentes beneficianse do servizo de axuda no fogar de Tomiño

A Concellaría de Servizos Socias do Concello de Tomiño, que dirixe Cristina Martínez, presta o servizo de axuda no fogar a unhas 70 persoas maiores, en situación de dependencia ou en risco de exclusión social.

Nestas semanas, saca a concurso público a licitación deste importante servizo para os veciños e veciñas. O prego de contratación foi publicado o pasado martes 5 de abril no BOP e pódese descargar nas webs www.concellotomino.com ou na www.contratosdegalicia.com.

O servizo de axuda no fogar sácase a concurso por dous anos e inclúe servizos de fisoterapia, acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudales e material técnico como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, andadores, cadeiras de rodas, cadeiras de ducha-baño e outros materiais precisos para o coidado de persoas en situación de dependencia.

O valor estimado do contrato é de 1.541.760 € e o prazo para a entrega da documentación é até o 20 de abril inclusive.

O servizo de axuda no fogar leva varios anos ofertándose aos veciños e veciñas do municipio e do que actualmente se benefician máis de setenta persoas en situación de dependencia ou con risco de exclusión social.

A concelleira, Cristina Martínez, destaca que “o servizo de axuda no fogar é un servizo de calidade que se ven ofertando aos usuarios de servizos sociais dende hai varios anos”. Segundo Martínez, “é un servizo necesario orientado a persoas en situación de dependencia que beneficia tanto aos usuarios e usuarias como aos seus coidadores mellorando a calidade de vida de ambos”.