14 Xan 2016 O Concello de Tomiño urbaniza o entorno da nova escola infantil de Goián.

A obra, cun importe de máis de 86.000€, permitirá conformar un espazo público de preferencia peonil no Camiño Vello, conectando a praza de abastos e a praza Antonio Fernández.

O Concello de Tomiño onte as obras de urbanización do entorno da nova escola infantil de Goián. Con esta actuación a rúa Camiño Vello no tramo entre a escola infantil e a praza de abastos pasará a incorporarse ao espazo público xerando un amplio entorno de preferencia peonil. A actuación pretende dar continuidade as distintas actuacións nos espazos públicos que ten feito o Concello de Tomiño, nomeadamente a Praza Pintor Antonio Fernández. A obra consistirá no derrube do actual muro que delimita a parcela, xerando un amplio espazo público de 1.210 m2, con zonas verdes, árbores e mobiliario urbano. O proxecto contempla tamén a canalización dos servizos de telefonía e alumeado público e a pavimentación de todo o espazo, garantindo a accesibilidade aos equipamentos públicos e eliminando barreras arquitectónicas. O importe da obra é de 86.394€ e está adxudicada a empresa Construcciones Villa y Sambado (COVISAM). As obras de urbanización iniciaronse onte e teñen de prazo 3 meses, aínda que se as condicións climatolóxicas acompañan o Concello e a empresa aspiran a que se poidan finalizar antes das festas de entroido. Co remate destas obras porase fin ao proxecto da nova escola infantil, e a Xunta poderá iniciar a súa apertura. A nova escola infantil de Goián terá 61 prazas e completará o actual servizo de escolas infantís de Tomiño, pasando a ser o único concello da comarca con dúas escolas infantís. O Concelleiro de Planificación Territorial, Uxío Benítez, destacou a importancia desta intervención xa que “outorga para disfrute dos veciños e veciñas de Goián un novo espazo humanizado na que os peóns teñen prioridade por riba dos coches”. Segundo Benítez, “este proxecto continúa na liña de actuacións anteriores no Concello como a Praza do Seixo ou o torreiro de Currás ven de ser remodelado. O novidoso desta intervención é que aporta accesibilidade nun espazo de equipamentos públicos permitindo un uso para todos e todas os veciños e veciñas redundando na calidade de vida dos goianeses”.



X