O Concello destina 60.000 euros a mellorar os centros educativos do municipio As actuacións están acordadas coas ANPAS e coas direccións dos colexios

Coma cada verán, o goberno municipal de Tomiño reuniuse recentemente coas Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) e cos equipos directivos dos centros educativos do municipio para valorar as melloras que necesitan os colexios antes do inicio do novo curso. Faranse actuacións na meirande parte de centros, pero este ano as melloras máis importantes levaranse a cabo no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, no CEIP Pedro Caselles Beltrán, no CEIP de Sobrada, no CEIP de Tebra, e nos CRA de Seixo, Carregal e Amorín. En total, o Concello invertirá ao redor de 60.000 euros.

Unha das actuacións máis destacadas levarase a cabo no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián. Concretamente, procederase a retirar uns almacéns que estaban deteriorados e en desuso, o que servirá para ampliar o patio escolar. Ademais, tamén se procederá ao pintado de todas as aulas de Educación Infantil.

Os CRA de Tomiño tamén gozarán de melloras considerables. No centro de Amorín, pintaranse todas as aulas, melloraranse os baños e toda a instalación eléctrica. No CRA de Carregal procederase ao pintado da fachada e no de Seixo xa se está levando a cabo o pintado de todas as aulas e baños, ademáis de cambiar o chan para instalar tarima flotante nalgunha das clases.

No CEIP de Sobrada acondicionarase un espacio no patio para os alumnos de infantil e no colexio de Tebra substituriase unha pista de asfalto por outra de formigón pulido. Pola súa parte, no CEIP de Caselles o Concello arranxará o sistema de calefacción do pavillón e no comedor instalarase un falso teito para solucionar os problemas acústicos.

Por último, na Escola Infantil de Tomiño cambiarase o panelado das paredes.

“O Concello ven a suplir a falta de investimento da Xunta de Galicia”, asegura o concelleiro de Mantemento, Lois Vázquez.