O Concello e o Fondo Galego dan a coñecer a grave situación das nenas e nenos soldados

IMG-20160601-WA0001– Alumnado do IES Tomiño asistiu hoxe a unha charla sobre a problemática e ata finais desta semana amósanse no centro os debuxos dun artista senegalés
– Estímase que uns 250.000 menores son utilizados en conflitos armados de 18 países para labores de combate, espionaxe, cociña ou explotación sexual

Dar a coñecer a grave problemática da utilización de menores en conflitos armados é o obxectivo das charlas e a exposición que baixo o título ‘As nenas e nenos soldados’ está a desenvolver o Concello como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Na actualidade calcúlanse nuns 250.000 os cativos e cativas que son explotados nas guerras de 18 países.

Estes son algúns dos datos que Roberto Mansilla, analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), lle achegou esta mañá en senllos encontros ao alumnado do IES Tomiño. A utilización de menores de idade en conflitos armados non se reduce a envialos á fronte de batalla, senón tamén a labores de vixilancia, mensaxería e mesmo espionaxe. As nenas tamén son a miúdo empregadas como cociñeiras e escravas sexuais.

A vulnerabilidade psicolóxica das rapazas e rapaces predisponos ao adoutrinamento e ao cumprimento de ordes. O recrutamento forzoso impídelles acceder á educación e obrígaselles a cometer atrocidades, xerando consecuencias que persisten unha vez rematada a guerra, pois a falta de investimento na rehabilitación fai que moitas e moitos menores rematen por recorrer logo á delincuencia e á prostitución.

Sobre estas situacións chama tamén a atención a mostra ‘As nenas e nenos soldados’ que ata finais desta semana se amosa no IES Tomiño. O artista senegalés Momar Badiane denuncia a través dunha serie de debuxos a situación das nenas e nenos combatentes e convida a reflexionar sobre ela. A ONU, apoiándose na campaña da Coalición para acabar co uso das nenas e nenos soldados, adoptou no ano 2000 un tratado internacional que establece como idade mínima de recrutamento os 18 anos, así como a obriga por parte dos Estados de axudar á reinserción. Ata hoxe foi ratificado por 120 países.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

ÁREA DE COMUNICACIÓN
Carmen Novas 616 145 077
comunicacion@fondogalego.org