O Concello emprende novas obras de saneamento por valor de case 900.000 euros

O concelleiro de Obras lembra á Xunta o compromiso de financiar o 3º tramo do colector xeral

O Concello de Tomiño leva a cabo nestas semanas novas obras de saneamento en barrios de Tomiño e parroquias, que buscan mellorar a situación de domicilios interesados en contar co servizo o antes posible, aproveitando a infraestrutura xa existente.
O concelleiro de Obras, Francisco Campo Lago, enumerou as novas accións que se están poñendo en marcha ou en proceso de licitación, cun custe total de case 900.000 euros, coma un tramo no lugar de Bravos e Outeiriño (parroquia de Estás.192.000 euros), procedentes do Plan da Deputación, e que darán servizo a máis de 20 casas.

Obras saneamento Bravos 1 xaneiro 2015

Do mesmo xeito, o goberno local está a acometer a construción de pequenos tramos con fondos propios. É o caso de Vilar de Matos (parroquia de Forcadela), onde se instalarán uns 600 metros de tubaxes, que permitirán acceder ao servizo a unha ducia de domicilios.

Outros tres pequenos tramos acométense nestes días nos barrios de A Gándara, Salgosa e Vilar, e un cuarto en San Lourenzo (Goián). Estas intervencións, con fondos propios do Concello, suman un importe total superior aos 300.000 euros.

Simultaneamente, atópanse en proceso de licitación as obras do PUSIM (Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais) por valor de 220.000 euros, que se investirán no barrio de San Benito (Forcadela).

Por último, con Fondos de Libre Disposición, da Deputación de Pontevedra (150.000 euros), acometeranse a obras de saneamento nos barrios tomiñeses de A Feira e Rexidouro.

A estas novas obras hai que engadir as levadas a cabo o ano pasado nos núcleos de Salgosa, Gándara, Vilar e Vilachán, por valor de 376.680 euros, que permitiron dar servizo a máis de 100 vivendas.
Na actualidade, máis de 2000 casas, das 4776 habitadas, contan con este servizo municipal.

Deste xeito, o goberno local quere ir incrementando os metros de saneamento no casco urbano e parroquias, de maneira racional, e aproveitando a infraestrutura xa existente.

Francisco Campo Lago asegura que as obras de saneamento son unha constante dende que o BNG chegou ao goberno local. “Todos os anos o investimento máis relevante é en saneamento, para o cal achéganse fondos propios e de outras administracións”, comenta o edil.

Asemade, Campo Lago lamenta que a falta de colaboración por parte da Xunta de Galicia, permita levar a cabo, tal como estaba previsto na anterior lexislatura, o treito 3 do colector xeral que posibilitaría sanear a situación que das parroquias de Amorín, Sobrada e Currás, tres das parroquias máis afectadas.