O Concello investe na profesionalización do Centro Comercial Aberto A sinatura do protocolo de colaboración tivo lugar o pasado venres na Casa do Concello

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, e o presidente da Asociación de Autónomos de Comercio, Hostalería e Industria de Tomiño (ADETO) David Vila Magán, asinaron o venres pasado un protocolo de colaboración co fin de mellorar a formación  dos profesionais do comercio e a calidade da atención ao cliente.

A acción tivo lugar na Casa do Concello, no marco do Mercado Comercial Aberto de Tomiño, ao ser considerada como unha actividade que contribúe tamén a mellorar o atractivo turístico da localidade

Deste xeito, ambos organismos acordaron o desenvolvemento de actividades precisas, coma sesións de consultoría e mentoring directo e personalizado; acompañamento persoal e grupal na mellora profesional mediante coaching; sesións de mastermind; un encontro de networking; 10 sesións de formación sobre marketing, técnicas de venda, promoción e publicidade; cinco de asesoramento no uso das novas tecnoloxías, e unha charla-coloquio de impulso motivacional.

O Concello de Tomiño, coma noutros anos, colaborará economicamente para sufragar o gasto de realización das actividades, ata un límite máximo de 2.420,00€ ou do 50% das mesmas, se o importe total fose inferior, as cales deberán desenvolverse no período que vai dende a data da sinatura deste protocolo, ata o 30 de novembro de 2018.

ADETO, pola súa banda, deberá presentar unha memoria do proxecto que inclúa os custes previstos de todas e cada unha das actividades que o compoñen, e facer constar en toda a publicidade e produtos ou servizos que resulten da realización do proxecto, a colaboración do Concello. Asemade, a asociación de comerciantes terá que presentar ao remate do proxecto unha memoria explicativa das actividades realizadas, xustificación dos gastos e conclusións.

A alcaldesa de Tomiño, acompañada polo concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione, amosouse convencida de que a profesionalización dos comerciantes e a atención individualizada, permitirán competir en mellores condicións coas grandes superficies.

Tartaglione, pola súa banda, explicou que en anos anteriores impulsáronse accións conxuntas, con obradoiros de restauración, escaparatismo, novas tecnoloxías, etc. pero que esta vez ofrecerase asesoramento e apoio individualizado a cada comercio que participe na iniciativa.