O Concello leva a pleno unha moción de apoio á folga internacional feminista do 8 de marzo A sesión plenaria celebrarase este venres 2 de marzo ás 20.00 horas

O Concello de Tomiño levará á sesión plenaria que se celebrará este venres 2 de marzo, ás 20.00 horas, unha moción de apoio á folga de reivindicación feminista prevista para o vindeiro 8 de marzo no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias.

Nesta moción recóllese que a folga do 8 de marzo pretende ser unha chamada de atención dende o ámbito local sobre a desigualdade e a invisibilidade “que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais” e para combater as discriminacións. Así, por exemplo, a fenda salarial en Galicia é do 23% e, soamente en Tomiño, hai un 13% máis de mulleres desempregadas que de homes (617 mulleres rexistradas no paro fronte aos 461 homes). Ademais, as traballadoras galegas padecen a inexistencia dun marco autonómico que axude a negociar melloras para os traballos feminizados en Galicia, como a conserva, e teñen que enfrontarse a máis atrancos na conciliación da vida familiar e laboral.

Por todos estes motivos, o Concello de Tomiño tamén fará un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego e a secundar a manifestación nacional unitaria. En Tomiño convocouse para ese día unha mobilización ás 12.30 horas diante do Concello.

Orde do día

Xunto con esta moción, a esta sesión ordinaria do pleno tamén se levará unha moción dos representantes dos traballadores de Maderas Iglesias na que se insta á inmediata intervención da Xunta de Galicia para garantir os postos de traballo na empresa e evitar as graves consecuencias socioeconómicas que causarían tanto no concello como na comarca. Nos últimos oito anos a empresa acudiu a dous procesos concursais, realizou sete expedientes de regulación de emprego consecutivos e acumulou unha débeda que ronda os 40 millóns de euros.

A orde do día tamén recolle unha moción para a sinatura urxente coa Xunta de Galicia dun convenio para a convocatoria de prazas e accesos ás diferentes categorías dos corpos de Policía Local e auxiliares. Ademais, nesta sesión plenaria celebrarase a toma de posesión de Germán Castro como concelleiro do Partido Popular no goberno municipal en substitución por renuncia de Raquel Silva.