Ocio, deporte e cultura este verán para a mocidade tomiñesa A oferta de actividades rolda as 700 prazas

Ao Campus de Fútbol súmanse os de tenis e pádel; cursos de pilates en familia, piragüismo, e campamentos urbano e musical.

A oferta de prazas para este verán rolda as 700

Arredor de 700 prazas oferta este verán o Concello de Tomiño dentro da súa programación deportiva e de ocio.

A oferta inclúe unha decena de actividades, coma o xa tradicional Campus de Fútbol, ao que se suman os de tenis e pádel; cursos de pilates en familia, piragüismo, e dous campamentos: urbano e musical.

 

Este mediodía foi presentado en rolda de prensa o programa de actividades na Casa do Concello de Tomiño, coa presenza da alcaldesa, Sandra González, e os concelleiros de Deportes (Ismael Troncoso), Cultura (Cristina Martínez) e Mocidade (Fátima Rodríguez).

 

Na oportunidade, a alcaldesa salientou o número de prazas dispoñibles e a variedade das actividades, especialmente pensadas para a poboación infantil e as familias, co obxectivo de axudar a conciliar a vida laboral e familiar, ademais de ofrecer alternativas de ocio e deporte durante o receso escolar.

 

A concelleira de Cultura e Servizos Sociais, pola súa banda, salientou o esforzo organizativo e económico do Concello, aclarando que aínda que a maioría das actividades son de pago, “os prezos son moi axustados e nos casos de familias que non poidan abonar o custe das actividades, o propio Concello farase cargo do importe, previo informe dos Servizos Sociais”.

 

A maioría das actividades comezan no mes de xullo, estendéndose algunhas tamén ao de agosto, coma ocorre cos campus de tenis e pádel e as actividades creativas (de balde) da Aula-Museo Antonio Fernández, sita en Goián.

 

Entre as actividades deportivas, a primeira en comezar é o Curso de Promoción do Piragüismo, que se desenvolverá en Goián coa colaboración do Club Deportivo Miño, entre o 27 de xuño e o 28 de xullo, con dous grupos de nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, que saiban nadar.

 

Durante o mes de xullo haberá ademais un Campamento Urbano (do 3 ao 28) nas instalación do colexio Pedro Caselles, para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, con horario de luns a venres de 9 a 14 horas.

 

Tamén o Campus de Fútbol será, como vén sendo habitual, no mes de xullo (do 17 ao 28), de luns a venres, entre as 10 e as 13.30 horas. Para poder asistir a este campus, que se desenvolverá simultaneamente nos campos de fútbol da Carballa (Tomiño) e Regatiño (Goián), deberá terse entre 5 e 16 anos. Esta é a actividade máis multitudinaria, cunhas 140 prazas dispoñibles a un custe de 55 euros, que inclúen dúas equipaxes, merenda diaria e actividades complementarias, charlas de nutrición, arbitraxe, etc. durante dúas semanas.

 

Todos os sábados de xullo, de 10.30 a 11.30, impartira no Espazo Fortaleza de Goián un Curso de Pilates en Familia, unha das novidades desta edición. A partir dos 3 anos en adiante poderán participar e será de balde para os menores de 16.

 

Durante os meses de xullo e agosto impartiranse nas pistas do Mosteiro os xa tradicionais campus de tenis e pádel, luns, mércores e venres en tres quendas, e martes e xoves de 10.30 a 11.30, respectivamente. Dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 17 anos.

 

Xa no mes de agosto, entre o 14 e o 25, celebrarase na Escola de Música e Auditorio de Goián o Campamento Musical para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Colabora a Agrupación Musical de Goián.

 

Xa por último, a Aula-Museo Antonio Fernández (Goián) impartirá, por primeira vez, actividades creativas para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Os obradoiros, impartidos por Sara Quintana todos os venres de xullo e agosto, serán entre as 12 e as 13.15 horas, e terán relación cos artistas de Tomiño e Galicia.

 

O prazo de inscrición ábrese o día 15 de xuño para todas as actividades. Poderase realizar online, a través da páxina web do Concello (www.tomino.gal), ou ben, de forma presencial, no edificio de Servizos Sociais, Deporte e Cultura, sito no barrio da Rocha.

 

Aclaración: na actividade de Pilates en Familia poden anotarse nenos e nenas a partir dos 3 anos (aínda que nos cartaces poña a partir dos 5 anos). Ademais, os nenos  nenas de 5 anos, que cumplan seis durante este ano, poden inscribirse nas actividades que poñen “a partir de seis anos”.

Asemade, os/as que cumplan cinco durante este ano, poden inscribirse nas actividades que poñen “a partir de cinco anos”.

Máis información: https://tomino.gal/veran-2017/