O Concello realiza obras de conservación no Monte Tetón e instala unha pasarela de acceso ao petroglifo de Portaxes As actuacións, financiadas pola Deputación de Pontevedra, teñen un custe de 26.722,85 euros

O Concello de Tomiño está acometendo unhas obras de emellora no Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón. A actuación consiste fundamentalmente na reposición do material danado e na conservación e o mantemento do mobiliario existente nos petroglifos de Real Seco e Portaxes. Concretamente, substiturase o valado (cinexético e de madeira) e a sinaléctica informativa, deteriorados polo paso do tempo e polos incendios dos últimos anos. Respecto aos sinais, aproveitarase para incluír nos novos rótulos máis información que a que había ata agora.

Outra das principais novidades destas obras que o Concello comezou esta semana e que se espera que poidan estar rematadas a mediados de agosto é a instalación dunha pasarela de acceso ao petroglifo de Portaxes.

O custe destas actuacións é de 26.772,85 euros, financiadas na súa totalidade por unha subvención da Deputación de Pontevedra destinada á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural.

Situado na parroquia de Tebra, o Ecoparque Arqueolóxico Monte Tetón ofrece mostras de arte primitiva de gran relevancia europea. Os gravados prehistóricos agrúpanse en dúas estacións principais nos que se inclúen un repertorio iconográfico composto por cazoletas, formas cuadrangulares, figuras animais e humanas, e sobre todo as impresionantes combinacións de círculos concéntricos. Algunhas delas son das maiores de toda Europa.

O Concello de Tomiño, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e a comunidade de montes de Tebra organiza todos os veráns visitas guiadas ao Monte Tetón. Este ano será o 23 de agosto e, coma sempre, o arqueólogo Xosé Lois VIlar, do IEM, será o encargado de explicar aos asistentes as marabillas deste ecoparque, unha das grandes xoias patrimoniais de Tomiño.