O Concello reduce o consumo de iluminación da Casa da Cultura de Tomiño a unha terceira parte

A acción enmárcase na política de racionalización e aforro enerxético que vén desenvolvendo o Concello nos últimos anos
O Concello de Tomiño vén de substituír a iluminación da Casa da Cultura, un dos edificios públicos máis emblemáticos da vila, restaurado recentemente.

Manuel Álvarez, concelleiro de Seguridade Cidadá e Iluminación Pública, explica que a acción, que se enmarca na política de racionalización e aforro enerxético que vén desenvolvendo o goberno local nos últimos anos, consistiu na substitución de medio centenar de focos fluorescentes de 52 vatios, por outro tanto de luces de led de 18 vatios, co que o consumo reduciríase á terceira parte.
A nova iluminación é, ademais de máis rentable, de mellor calidade, xa que ao tratarse de luz branca, resalta mellor as características do interior do edificio.
Os operarios municipais continuarán en breve co cambio de alumeado na planta superior e no escenario, onde é necesario instalar focos específicos que xa foron encargados.