06 Mai 2014 O CONCELLO REMODELARÁ A PRAZA DO SEIXO CO FIN DE DINAMIZAR O COMERCIO LOCAL E REORDENAR O TRÁFICO

A obra significará o acondicionamento de 4.600 metros cadrados, cunha nova zona arborada que ocupará o 40 % da superficie.

O Concello remodelará e acondicionará o centro neurálxico do casco urbano de Tomiño, dentro da estratexia global de rexeneración do núcleo do Seixo, que vén desenvolvendo nos últimos anos co obxectivo de reorganizar o tráfico e revitalizar o comercio local, creando ao mesmo tempo, un espazo público de calidade que centralice a actividade social e comercial da vila.

Na mesma liña desta aposta estratéxica realizada polo goberno local, inscríbese a recente apertura dunha nova rúa e creación dunha área con máis de 200 prazas de aparcamento e zona de esparcemento, e tamén a reforma da Praza de Abastos para a potenciación dun centro de comercio local, que suporá a creación de novos postos de traballo e emprendementos comerciais.

O proxecto, denominado Acondicionamento da contorna da Praza do Seixo, ten un orzamento total de 795.000 euros, e abarcará a reforma dunha área de 4.600 metros cadrados.

Desta superficie, máis dun 40% adicarase á creación dunha zona arborada, con especies que se determinarán de acordo cos viveiristas do municipio. Ampliarase a zona pavimentada da actual praza; desaparecerá a actual rotonda e se urbanizarán as inmediacións das rúas Colón, República Arxentina, A Guarda e A Feira. Deste xeito, o tráfico dirixirase so nun sentido a través das rúas A Guarda e Colón, en dirección á rúa principal (rúa Gondomar).

Para financiar a obra, o Concello solicitou a inclusión do proxecto dentro do Plan de Investimentos Municipais da Deputación de Pontevedra, co cal, previsiblemente, o 37% do gasto será sufragado con fondos provinciais, e o resto con cargo ás arcas municipais.

As principais accións contempladas no proxecto consistirán en “completar o pavimento granítico existente, que dará soporte ás actividades de rúa; reordenar un novo parque ao oeste da intervención, con áreas verdes arboradas e zonas de estancia. Asemade, suprimiranse as luminarias actuais e instalaranse outras de maior eficiencia enerxética; mellorarase a accesibilidade ao edificio do Concello e crearase unha pérgola sombreadora para os actos públicos.

O resultado final será, segundo explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “unha intervención que pretende ademais de renovar os pavimentos e a contorna dos locais da zona, potenciar o comercio local, xerando deste modo novas posibilidades de negocio e mellorando a calidade ambiental da Praza do Seixo”.

O proxecto xa foi presentado á Asociación de Comerciantes de Tomiño (Adeto), que deu a súa aprobación, e en breve farase o propio con outros colectivos sociais e veciñais do municipio. No pleno do vindeiro xoves tratarase unha modificación de créditos que permitirá afrontar a financiamento das obras.

 

concello Tomiño - obras praza do Seixo_2



X