O Concello xa enviou 209 notificacións para a limpeza de fincas como medida para a prevención de incendios O ano pasado tramitáronse 137 denuncias que afectaban a 312 parcelas. A maioría dos expedientes resolveuse enviando unha soa notificación

A calor volve a instalarse en Galicia e dispáranse as alertas polas vagas de incendios que cada ano afectan ao ámbito forestal máis urbano dos municipios galegos, aqueles terreos forestais máis próximos aos núcleos habitados. Dentro das medidas adoptadas para evitar os lumes e cumprir a normativa autonómica de prevención e defensa contra os incendios, o Concello de Tomiño xa enviou 209 notificacións aos propietarios e propietarias de distintas fincas para que levaran a cabo as tarefas de limpeza necesarias para evitar riscos.

Nestes intres, os servizos municipais teñen abertos 397 expedientes, a maioría deles (273) abertos a instancia de particulares. Pola súa banda, o Concello abriu de oficio un total de 124 expedientes. Ata o de agora están afectadas 93 parcelas segundo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e outras 304 pola ordenanza municipal de xestión de biomasa BOP (26/03/2015).

O ano pasado en cifras

O Concello de Tomiño tramitou durante o ano 2017 un total de 137 denuncias que afectaban a un total de 312 parcelas que non cumprían coa normativa antiincendios, 29 delas de oficio. Todos estes expedientes tiñan como obxectivo que se aplicara a lei e que os propietarios e propietarias executaran as medidas pertinentes nas súas correspondentes fincas.

O departamento de Medio Rural do concello tomiñés tramitou 300 dos expedientes abertos o ano pasado, mentres que 11 foron enviados a outros organismos por non estar dentro das competencias municipais. Ademais, desestimáronse outras 12 denuncias por falsas.

O tempo medio de resolución dos expedientes foi de dous meses, a maioría solucionados tras enviar unha única notificación aos propietarios e propietarias das fincas. Non obstante, non é un traballo doado, xa que un dos principais problemas aos que se enfronta o Concello é a localización dos e das titulares dos terreos ao atoparse en moitas ocasións con datos incompletos ou erróneos no catastro.

En caso de non localizar ao dono ou dona cunha primeira carta, o procedemento amplíase enviando unha segunda notificación. Se non hai resposta publícase no Boletín Oficial do Estado, dítase orde de execución, publícase esta orde de novo no BOE e procédese á execución subsidiaria. En 2017 Tomiño soamente tivo que realizar unha execución subsidiaria, cun coste de 380 euros.

Dende o Concello faise un chamamento a toda a cidadanía a cumprir coa normativa e a consultar calquera dúbida ao respecto no departamento de Medio Rural, que ademais de xestionar as denuncias ten a disposición dos veciños e veciñas a información necesaria sobre os distintos regulamentos en canto a distancias das plantacións nos distintos tipos de solo presentes no municipio e as obrigas de xestión de biomasa dos seus terreos.



X