O Condello de Tomiño comprométese coa loita pola erradicación das violencias machistas O salón de plenos acolleu a lectura do manifesto con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Cunha melodía klezmer saídas do clarinete de Adriana Carrera, da Agrupación Musical de Goián. Así comezaba no salón de plenos do Concello de Tomiño a lectura do manifesto con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, un día no que “lembramos que a violencia machista é a manifestación máis terrorífica das desigualdades de xénero e que non respecta fronteiras nin culturas”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, foi a encargada de ler un manifesto conxunto feiro ao abeiro da campaña de sensibilización ‘En negro contra as violencias’, que contou coa adhesión de 75 concellos e 3 deputacións de toda Galicia. Con esta lectura, o Concello de Tomiño quixo “reiterar o noso compromiso para loitar pola erradicación das violencias contra as milleres, amosando ademais o noso firme rexeitamento de quen a exerce e da complicidade de quen as silencia”.

Aínda que as cifras oficiais recollen 44 mulleres asasinadas por violencia machista en España, unha delas en Galicia, os colectivos falan de 99 feminicidios. As estatísticas recollen un total de 574 mulleres asasinadas en España na última década, 40 delas na comunidade galega, “a punta do iceberg do que realmente están padecendo as mulleres en situación de violencia as súas fillas e fillos”. Por iso o 25 de novembro no é para o Concello de Tomiño soamente un día para o recordo das vítimas, senón “un día para a acción, un día no que manifestar o noso compromiso contra as violencias”.

Nun salón de plenos ateigado de xente, a alcaldesa explicou que actuar contra estas violencias “supón recoñecer graves fendas de xénero no ámbito social, económico, cultural…” e atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades “a través do desenvolvemento de políticas para aumentar os orzamentos públicos destinados a facerlle fronte e a dotar os equipamentos especializados dos recursos necesarios para a súa prevención, atención e tratamento”.  A lectura do manifesto rematou cunha melodía de clarinete de Adriana Carrera e cun sentido minuto de silencio.

As actividades conmemorativas do 25 de novembro continúan mañá sábado coa sesión de ‘Contacontos pola igualdade’, que se celebrará no Mercado Municipal de Tomiño a partir das 19.00 horas e á que están invitados todos os tomiñeses e tomiñesas. A programación co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres rematará co espectáculo e obradoiro ‘Contamos todas’, que levará a cabo Tropa de trapo o 28 de novembro no IES Antón Alonso Ríos.

 



X