O Consello da Infancia e da Adolescencia celebra o seu segundo encontro Será o mércores 28 de febreiro (18.30 h) no salón de plenos. Os rapaces e rapazas interesados poden participar enchendo unha ficha de inscrición

O Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño prepara xa a súa segunda reunión. O vindeiro mércores 28 de febreiro todas e todos os participantes asistirán á unha nova convocatoria que se celebrará a partir das 18.30 horas no salón de plenos do Concello.

Neste segundo encontro aproveitarase para presentar a todas as persoas que asistan por primeira vez ao Consello, levarase a cabo o nomeamento de representantes e aprobarase o regulamento interno. Ademais, entre outros puntos da orde do día, durante a reunión informarase a todos os membros do V Encontro de Consellos de Infancia e Adolescencia que se celebrará en Oviedo os vindeiros 25, 26 e 27 de maio.

Aberta a inscrición

O Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño arrancou o pasado mes de decembro coa celebración da súa primeira reunión, na que participaron 7 mozos e mozas. A participación está aberta a todos os rapaces e rapazas interesados nesta iniciativa, que soamente teñen que encher un formulario de inscrición no que as nais, pais ou titores e titoras legais dan o consentimento de participación na actividade, xa que os integrantes do consello son todos menores de idade.

Esta ficha de inscrición debe de ser enviada a educacion.tomino@gmail.com, correo electrónico onde se recollerán todas as autorizacións que cheguen e que servirá tamén de canle de comunicación coa organización para resolver dúbidas ou preguntas que poidan ter tanto os futuros e futuras integrantes dos consellos como os seus nais e pais.

Cidade Amiga da Infancia

A posta en marcha deste Consello é un dos pasos que está a dar o concello de Tomiño para conseguir o selo de Cidade Amiga da Infancia concedido por Unicef, que recoñece o labor dos municipios a prol de mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, a súa participación activa na vida municipal e a promoción e implantación de políticas locais que garantan o seu desenvolvemento integral cun enfoque de dereitos.



X