O DELEGADO TERRITORIAL JOSÉ MANUEL CORES TOURÍS, VISITOU ESTA MAÑÁ EN COMPAÑA DA ALCALDESA DE TOMIÑO, AS OBRAS REALIZADAS NA PRAZA DE ABASTOS

As obras, destinadas a mellorar as condicións estructurais do edificio, terán continuidade, na reforma interior, para o que o Concello xa destinou unha partida de 200.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a praza de abastos desta localidade, aproveitando para destacar o investimento levado a cabo nela para a súa modernización, así como a importancia de promover actuacións que fagan o comercio de proximidade máis atractivo e competitivo.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial, e a concelleira e portavoz do PP da localidade, Paula Romeu.

En primeiro lugar, procederon a comprobar o estado das obras da primeira fase xa concluídas, cun custe de 270.000 euros (120.000 procedentes da Xunta), que consistiron na reforma da cuberta, colocación dun novo tellado e impermeabilización total do edificio, que sufría graves problemas de humidades. Asemade, se substituíron carpintería exterior do edificio e iluminación e revestimentos da fachada, instalándose novas canalizacións e baixantes, así coma a pavimentación e arranxo da planta alta do edificio.

O delegado territorial salientou que está aberta unha nova convocatoria do programa de axudas por máis de 3 millóns de euros, promovido pola Consellería de Economía e Industria, para apoiar aos concellos galegos na potenciación dos mercados e prazas de abastos e impulsar a competitividade do comercio de proximidade, dentro da estratexia específica da Xunta de apoio ao sector comercial como unha das claves para a reactivación da economía das vilas e cidades galegas. Neste sentido, Cores Tourís anunciou que as axudas para a modernización destes espazos, increméntanse este ano ata un máximo de 150.000 euros, un 25% máis que o pasado.

De aprobarse o proxecto de reforma 2ª fase presentado polo Concello por parte da Xunta (no que se acometerá a reforma interior do edificio), a subvención da Consellería de Economía viría a sumarse aos 200.000 euros que o goberno local consignou nos orzamentos municipais 2014. Sobre este punto, Cores Tourís adiantou que o proxecto ten consistencia e nivel coma para merecer unha segunda subvención autonómica.

Sandra González, pola súa banda, salientou a súa satisfacción pola conclusión da 1ª fase da reforma e avogou pola execución da 2ª fase, “coa idea de que a praza de abastos de Tomiño, se converta nun centro atractivo para o comercio local. Neste sentido, comentou que o proxecto da reforma interior foi o resultado de meses de traballo dunhas 70 persoas (comerciantes, praceiros, emprendedores, etc.), consultados polo Concello para que participaran nas no deseño das accións a seguir nun futuro. Este proxecto se presentará en breve de forma pública.

A reforma integral da praza de abastos tomiñesa forma parte dun proxecto xeral de modernización do edificio, considerado prioritario polo goberno local, e que consistirá non só na reforma e mellora do inmoble a nivel estrutural e de condicións hixiénico-sanitarias, senón tamén, na creación dun centro de comercio local, en cuxas características e dotacións está traballando o equipo de goberno, co asesoramento dunha consultora especializada.



X