O escultor Xuxo Vázquez pecha a Ruta das Artes e Oficios organizada este verán polo Concello O punto de encontro para esta última visita será o propio estudo do artista (datos de localización ao final da nota) e a hora de reunión, as 20.30

O vindeiro xoves, 30 de agosto, terá lugar a última sesión da Ruta das artes e oficios 2018, organizada este verán polo Concello de Tomiño, co fin de achegar a arte e os artistas locais á cidadanía. O escultor elixido para pechar a actividade é o escultor Xuxo Vázquez.

O punto de encontro para esta última visita será o propio estudo do artista (datos de localización  ao final da nota) e a hora de reunión, as 20.30.

O 12 de xullo, comezaban as Rutas de Artes e Oficios 2018; organizadas por segundo ano consecutivo, polo Concello de Tomiño dende a Aula-Museo Antonio Fernández de Goián; unha serie de visitas aos talleres de diferentes artistas asentados no municipio, co fin de que a xente interesada, puidera coñecelos de primeira man.

A primeira visita foi ao estudo de escultura e cerámica de Liliya Pobornikova e Nando Álvarez.

Logo foi o escultor Antúnez Pousa o encargado de abrir as portas do seu estudo, seguido da pintora Pilar Alonso e, finalmente, de Xuxo Vázquez, escultor afincado en Tomiño, que revelará este xoves algúns secretos da súa forma de facer arte.

A concelleira de Mocidade, Patrimonio e Turismo, Fátima Rodríguez, salientou a boa acollida que tiveron cada unha das rutas, con grupos de 15 a 20 persoas, o que facilitou a visita aos estudos dos artistas.

A actividade, para todos os públicos, é gratuíta; so é preciso inscribirse na páxina web do Concello neste link:  http://tomino.gal/inscricion-de-actividades-de-arte-e-patrimonio/

As persoas interesadas en facer esta derradeira visita poden guiarse a través dos seguintes datos de localización:

Enlace Google Maps: https://goo.gl/maps/jdZARrGiQWD2

Coordenadas para GPS: 42.042161, -8.729145

 

 

 

Xuxo Vázquez nace en Vigo en 1948, onde con dezaseis anos ingresa na escola de Artes e Oficios, e alterna os seus estudos co traballo de delineante e decorador de porcelana nas factorías Álvarez. Posteriormente trasládase a Madrid, e alí, entra en contacto con outros artistas de renome e ten a posibilidade de coñecer de cerca aos grandes clásicos. Todas estas experiencias, xunto a unha constante reflexión, van conformando un estilo artístico e unha técnica propios, a través dos cales experimenta cos diversos materiais.

Agora a miña obra baséase no seguinte principio: quitar o innecesario, a primeira idea é a máis pura, a que se ten que ter en conta e se ten que expresar coas menos palabras posibles. É unha linguaxe máis contemporánea.

A súa actividade expositiva comeza a finais dos anos 60 e prolóngase no tempo ata os nosos días. Dende entón, participa en numerosas mostras tanto individuais como colectivas, certames e simposios por diferentes partes do mundo. Exemplo disto son a II Mostra Nacional de Pintura e Escultura de Santiago de Compostela, o Concurso Nacional do Premio “Tomás Francisco Prieto de la F. N. M. T. de Madrid, a I Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, a II Bienal Internacional do Deporte nas Belas Artes de Barcelona, o Gran Premio de Escultura do Círculo de Belas Artes de Madrid, a Bienal Internacional do Deporte de Madrid, o Certame Internacional das Artes Plásticas de Lanzarote, a mostra Internacional da Medalla do XVII Congreso da Fiden en Budapest, o Salón de Outono de Sevilla, a Mostra Colectiva F. N. D. T.  de Cracovia, a mostra Internacional da Fiden en Lisboa, a mostra Internacional de Emisores de Medallas de Florencia, a mostra Lorient Pintores e Escultores en Francia, o II Simposium Internacional de Esculturas Urbanas en Teda – Tianging, R. P. China (2000), o Simposium Internacional da Cidade das esculturas, Pekin 2002 – R.P. China,  Simposium Internacional de Escultura de Icheon – Korea 2003 e o Simposium Art Emaar en Dubai – Emiratos Árabes 2004. En 2006 participa na exposición Escultores Españoles no Museo de Arte Contemporaneo de Yucatán – Mérida (Mexico) e no Beijing Olimpic Park City Sculpure Designs Exhibition. (Beijing – R.P. China)( Juegos Olimpicos Pekín 2008 ), entre outros.

Ao longo da súa traxectoria obtén diferentes premios e menciones, e a súa obra está representada en coleccións particulares e públicas de diferentes partes do mundo.

www.xuxovazquez.carbonmade.com

 

 

 

 



X