O espectáculo ‘Contamos todas’ desembarcou no IES Antón Alonso Ríos para facer reflexionar ao alumnado sobre a igualdade de xénero Con esta obra de Tropa de Trapo Tomiño pechou o programa de actividades co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Tomiño pechou este martes o seu programa de actividades co gallo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano ía adherido ademais á campaña de sensibilización ‘En negro contra as violencias’. A compañía Tropa de Trapo desembarcou no IES Antón Alonso Ríos coa xira ‘Contamos todas’, un espectáculo a prol da equidade de xénero que está a percorrer dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A compañía santiaguesa mesturou historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar ao alumnado de 4º da ESO deste instituto de Tomiño sobre a desigualdade e a violencia de xénero nunha actividade financiada pola Deputación de Pontevedra.

A sesión abriuse cos contos ‘As mulleres de Torneiros’ e ‘Liberia’, exemplos da vida de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións, historias para pensar, casos de empoderamento, rebeldía e superación. A actividade levou aparellado un obradoiro  no que se contou coa opinión do alumnado e rematou coa representación das súas propias propostas mediante o emprego de técnicas de Teatro da Oprimida.

Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados con material de refugallo. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibro entre entreter e educar, semprecun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada.

Por outra banda, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación para o desenvolvemento.