08 Nov 2016 O Fondo Galego únese á Alianza Europea de Redes Locais de Cooperación Internacional

– Nove entidades de distintas autonomías, de Italia, Holanda e dos países lusófonos constituíron en Lisboa esta rede a prol dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

– O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Tomiño, presentou as súas boas prácticas en comunicación no Seminario Internacional ‘Autoridades locais rumbo a 2030’

 

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de unirse á Alianza Europea de Redes Locais de Cooperación Internacional canda outras oito entidades integradas por municipios de distintas comunidades autónomas e de Italia, Holanda, Portugal e outros países lusófonos. O obxectivo é desenvolver estratexias comúns para contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola ONU para loitar contra a pobreza e as desigualdades.

 

Fomentar a aprendizaxe mutua entre as distintas redes municipalistas dedicadas á cooperación a través do intercambio de experiencias, mellorar a articulación entre elas e fomentar a creación doutras, así como dialogar coa Comisión Europea e outros organismos internacionais para implementar iniciativas comúns a prol dos ODS son algúns dos obxectivos da nova alianza constituída en Lisboa.

 

Alén do Fondo Galego, forman parte o Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional, o Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo, o Fondo de Entidades Locais para a Cooperación Descentralizada (Umbria), o Fondo Provincial Milanés para a Cooperación Internacional, a Federación Italiana das Redes Territoriais para o Desenvolvemento, o Consello Nacional para Parcerías das Cidades entre Países Baixos e Nicaragua (LBSNN), a Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento, e a União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa.

 

A vicepresidenta do Fondo Galego e concelleira en Redondela, Teresa París, foi a encargada de asinar o acordo no marco do Seminario Internacional ‘Autoridades locais rumbo a 2030: diálogos para o desenvolvemento’, ao que asistiu a finais da semana pasada canda o mediador intercultural do Concello de Ames, Leonardo Pena, e persoal da Secretaría Técnica. O Fondo Galego foi convidado a presentar as súas boas prácticas en materia de comunicación para o desenvolvemento, que espertaron especial interese entre participantes de Estremadura, Italia e Alemaña.

 

Representantes da Comisión Europea, do Programa de Desenvolvemento das Nacións Unidas, de gobernos nacionais e locais, das ONGD, do mundo académico e do sector privado déronse cita na capital lusa. O evento ecadrábase na segunda fase do proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento, centrada na promoción da educación para a cidadanía global, onde o Fondo Galego participa canda o Instituto Marquês de Valle Flôr, os municipios tamén portugueses de Loures e O Seixal, a ONGD alemá Fine+p e a fundación holandesa LBSNN. Dentro deste proxecto xa se organizara un foro internacional en Pontevedra e o Fondo Galego tamén actuara como referente na promoción das redes de cooperación descentralizada durante a primeira fase.

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

 

 



X