O fotoxornalista Felipe Carnotto gaña o concurso ‘Imaxes con Fondo’ retratando a pesca artesanal, organizado polo Fondo Galego de Cooperación

– O autor de orixe brasileira afincado en Vigo obtén unha viaxe a Nicaragua para fotografar os proxectos apoiados polo Fondo Galego de Cooperación

– A entrega de premios terá lugar mañá nas Xornadas #Alén2015, onde a moza vilagarciá María Goretti Dorgambide recollerá o galardón da categoría xuvenil

O fotoxornalista Felipe Carnotto vén de gañar a segunda edición do concurso de fotografía ‘Imaxes con Fondo’, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Unha instantánea sobre a pesca artesanal, acompañada dun ‘tweet’ en defensa desta actividade sostible, mereceulle ao autor de orixe brasileira afincado en Vigo unha viaxe a Nicaragua para realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos apoiados pola entidade organizadora. A moza vilagarciá María Goretti Dorgambide venceu na categoría xuvenil cunha imaxe a prol da solidariedade, pola que obtén unha cámara réflex.

As persoas gañadoras e as demais premiadas recollerán os galardóns mañá mércores en Vigo, no acto que terá lugar ás 12 horas dentro dasIX Xornadas de Cooperación, que se celebran na Casa Galega da Cultura coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos. Baixo o título ‘#Alén2015: Os Obxectivos do Milenio, fin e principios’, o encontro reunirá a especialistas internacionais de entidades como a ONU ou a Unión Mundial de Gobernos Locais para debater sobre a futura folla de ruta da cooperación ao desenvolvemento.

Reflexionar sobre a nosa responsabilidade na construción dun mundo máis xusto era o principal obxectivo do do certame ‘Imaxes con Fondo’, que no apartado para persoas adultas levaba o lema ‘Cambia, reivindica e constrúe’. Manuel Costa (Moaña) obtivo o segundo posto cunha enxeñosa obra sobre a pobreza mentres que Borja Blanco (Ferrol) denunciaba no traballo que quedou terceiro o baixo prezo que cobra quen produce os alimentos.

‘A solidariedade dá sentido ás nosas vidas’ era o enunciado da categoría xuvenil, na que Laura Díaz Martínez (Ferrol) acadou o segundo premio cunha crítica á contaminación dos mares e María Rodríguez Vila (Oleiros) ficou co terceiro, animando a compartir coa súa fotografía e o seu ‘chío’. Os segundos postos estaban dotados cunha cesta de produtos de comercio xusto e os terceiros cun lote de películas de temática social.

Ata 95 obras e 58 participantes

Un total de 95 fotografías presentadas por 58 participantes -44 na categoría adulta e 14 na xuvenil- concorreron á segunda edición do concurso ‘Imaxes con Fondo’, que se pechou o pasado 15 de novembro. A continuación, abriuse un período para que as seguidoras e seguidores do Fondo Galego en Facebook puidesen votar as imaxes. As quince obras mellor valoradas en cada sección foron logo avaliadas polo xurado, conformado por María Jesús González e Esther López, vogais da Comisión Executiva do Fondo Galego polo Concello de Cambre e pola Deputación de Lugo, respectivamente;Helena Capera, representante da Coordinadora Galega de ONGD, e polos fotoxornalistas Rober Amado e Marcos Míguez. O xurado valorou non só as imaxes presentadas, senón tamén a pertinencia das mensaxes de 140 caracteres como máximo que debían acompañalas.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

 

Máis información:

resumo_ganadores

comunicacion@fondogalego.org