O Goberno de Tomiño acorda en pleno aumentar as partidas para axudas a familias en risco de exclusión social, becas para material escolar e fomento do emprego

Increméntanse tamén as partidas para facer melloras na escola infantil do Seixo, reforma auditorio para escola de música, ampliación Senda do Miño e pavimentación de camiños nas parroquias

A corporación municipal acordou por maioría, onte en sesión ordinaria de pleno, aprobar un expediente de modificación de créditos por importe de 445.000 e financiados cun remanente líquido de tesourería para gastos xerais.

A medida, que se aprobou por vía de urxencia, por 10 votos a favor (BNG e Mercedes Tasende, concelleira non adscrita), e 5 abstencións (PP, PSOE e Fernando Álvarez, concelleiro non adscrito) ten coma finalidade, segundo explicou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, afrontar o incremento de solicitudes de gastos de emerxencia social e da subvención a familias con fillos e fillas escolarizados en centro públicos de educación infantil, primaria, ESO e Bacharalato, así coma gastos de arrendamento de maquinaria, materiais, equipos, etc. ocasionados pola contratación laboral de 32 novos traballadores financiados con plans da Deputación Provincial, máis outros sete de colaboración social.

Entre as partidas que se incrementarán, cabe salientar a destinada a axudar a familias usuarias dos Servizos Sociais (persoas con risco de exclusión e graves dificultades económicas), que practicamente se duplicará, e as das becas para libros e material escolar para alumnado de centros públicos de distintos niveis educativos, creadas recentemente polo Consello Escolar.

Igualmente salientable é o incremento da partida (80.000 euros), que se destinará ao fomento do emprego, arrendamento de maquinaria, instalacións e utillaxe dos case 40 novos traballadores antes mencionados.

Outros 90.000 euros serán destinados á reparación de infraestruturas e bens naturais; 75.000 á pavimentación de camiños en Barrantes e Amorín; 55.000 á ampliación da Senda do río Miño; 55.000 a gastos de subministro de electricidade; 15.000 a obras de reforma que se está levando a cabo no auditorio de Goián para o seu funcionamento coma escola de música, etc.

O concelleiro de Facenda, Uxío Benítez fixo fincapé no feito de que todos estes gastos asumiranse con remanente líquido de tesourería, procedentes de fondos municipais que o Concello ten aforrados.
Moción Vila libre de circos con animais
O Grupo Municipal do BNG levou ao pleno de onte unha moción para declarar ao concello “Vila libre de circos con animais”, que foi aprobada por 10 votos a favor (BNG e Mercedes Tasende), 3 abstencións (PP) e un voto en contra (Fernando Álvarez). Deste xeito, o Concello non autorizará a partir de agora a instalación de circos con animais no termo municipal, notificando á Xunta de Galicia do acordo alcanzado.
A alcaldesa fundamentou a proposta en solicitudes de veciños/as e asociacións protectoras de animais e no feito de que “non nos parece educativo nin pedagóxico que os nosos nenos e nenas vexan animais salvaxes, que deberían ser libres, nun estado lamentable”.

No mesmo pleno, foi aprobada por unanimidade unha moción presentada por vía de urxencia polo Grupo Municipal do BNG, condenando o “xenocidio e ataque criminal” que Israel está perpretando en contra do pobo palestino, solicitando ademais, que o Goberno do Estado adopte unha postura activa no conflicto de Gaza.

 



X