O Goberno de Tomiño vai asinar un convenio de colaboración coa Consellería de Educación para facer melloras nos colexios durante o verán

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de Medio Rural, Lois Vázquez, mantiveron esta mañá unha xuntanza co Xefe Territorial de Educación de Pontevedra, César Pérez Ares, co fin de coordinar as obras que se levarán a cabo nos colexios públicos do municipio, aproveitando o parón estival.

Segundo informou a rexedora tomiñesa, coma resultado desta entrevista, acordouse asinar un convenio para poder realizar pequenas obras nos centros educativos durante o verán.

A alcaldesa aproveitou para lembrar a construción dunha pista de atletismo na zona deportiva do Mosteiro, próxima ao CEP Pedro Caselles (con cargo ao Plan Concellos 2016) e solicitar a colaboración da consellería para o remate da obra.

Neste sentido, Sandra González, salientou o bo clima da reunión mantida co xefe territorial de Educación, facendo fincapé na importancia de traballar dun xeito coordinado e positivo, de cara a conseguir mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.