O Goián Club de Fútbol asina un convenio de colaboración co Real Club Celta de Vigo. O Club convértense no primeiro do Baixo Miño en formar parte da Escola de Fútbol do Celta

A sinatura do convenio tivo lugar esta semana no Concello de Tomiño e contou coa presenza da Alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o Concelleiro de Deportes do Concello, Ismael Troncoso; e persoas representantes do RC Celta de Vigo e o Goián CF.
Ao longo da colaboración o Celta transmitirá os seus coñecementos deportivos aos adestradores e monitores do Goián durante as vindeiras tempadas. Os coñecementos compartidos non estarán baseados unicamente en aspectos técnicos, senón que buscan ir máis aló e incluír tamén métodos socio-deportivos e socio-educativos que fomenten valores e habilidades como o traballo en equipo, respecto e cooperación, convivencia ou compañeirismo entre outros.
Os aproximadamente 100 mozos e mozas que se verán favorecidos por este convenio, encádranse dentro das categorías inferiores, ata a de xuvenís, e supón sen dúbida, unha oportunidade de mellora e adaptación para progresar nas novas técnicas de adestramento existentes na actualidade.
O Concello de Tomiño destaca a importancia deste convenio, que supón unha oportunidade para o Goián FC de seguir mellorando de xeito integral e fortalecendo a aposta polo deporte de base.