O I DUATLÓN POPULAR DE TOMIÑO CONCENTRARÁ ESTE SÁBADO A 300 DEPORTISTAS DE DIFERENTES IDADES

A proba, presentada esta mañá no Concello, consistirá nunha carreira a pé seguida dun percorrido en bicicleta

A Asociación de Comerciantes de Tomiño (Adeto) organiza coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Tomiño, e a Federación Galega de Triatlón (Fegatri), o I Duatlón Popular de Tomiño, que terá lugar o vindeiro sábado, 3 de maio, a partir das catro da tarde.

Este primeiro duatlón vén precedido polo éxito da carreira popular organizada o pasado verán. Coma nesa ocasión, as persoas inscritas roldan as 300, repartidas nas distintas categorías (Benxamíns: 24; Alevíns: 28; Infantil-Cadete: 37, e Adultos: 203).A proba, presentada este mediodía no Concello, consistirá en realizar en primeiro lugar, unha carreira a pé e, seguidamente, un circuito en bici, con diferentes distancias, segundo a categoría.

Na presentación do evento estiveron presentes a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de Deportes, Cristina Martínez, membros da directiva de Adeto, presidida por Manuel Riveiro e representantes da Fegatri. Na oportunidade, o presidente do colectivo de comerciantes, explicou que “o obxectivo é realzar a asociación a través de actividades deportivas, sociais e culturais que dinamicen o núcleo urbano e atraigan a xente de fora de Tomiño”.

A concelleira Cristina Martínez, pola súa banda, reiterou o apoio decidido dende o Concello a este tipo de eventos, que redundan nun maior movimento comercial, ademais de promocionar a práctica dos deportes e un estilo de vida saudable”.

A primeira carreira será a dos benxamíns, que comezará ás 16.00 horas; seguida da dos alevíns, ás 16.20 horas; infantil-cadetes, ás 16.50 e, finalmente, a dos adultos, con saída ás 18.15 horas.

A saída será para todas as probas a rúa Colón, e a zona de transición e meta, a rúa nova.

A entrega de trofeos será ás 20.30 horas na Praza do Seixo e posteriormente haberá unha exhibicion de baile a cargo da academia de danza Adeixa, de Vilanova de Cerveira.

Colaboran coa organización deste primeiro duatlón popular de Tomiño, Policía Local, Protección Civil, Ambulancias Baixo Miño, Supermercados Froiz e outras casas comerciais.

[justified_image_grid]