01 Set 2017 O II Campionato Galego de Slálom Inclusivo remata mañá en Goián, onde terá lugar a súa VI proba. O Concello de Tomiño acolle este sábado no seu antigo embarcadoiro a derradeira proba do Campionato.

Dende as 11:00 horas da mañá deste sábado, 2 de setembro, terá lugar no embarcadoiro de Goián a VI e derradeira proba do Campionato Galego de Slálom Inclusivo. A duración aproximada é dunhas 3 horas e a entrega de premios para as persoas gañadoras está prevista entorno ás 17:00 horas da tarde.

O torneo, que celebra este ano a súa segunda edición, está integrado por 15 equipos de dúas persoas cada un, no que alomenos unha delas ten algún tipo de discapacidade. A clasificación xeral atópase moi axustada, polo que esta última proba será decisiva especialmente para os primeiros equipos da táboa, que se xogarán o título esta fin de semana.

Trátase dunha proba de slálom, relativamente sinxela e similar a unha xincana, na que as persoas participantes deben axustarse ao máximo a un tempo estipulado pola organización. O Club Náutico Sen Amarras, leva 4 anos coa súa actividade, integrando a través do deporte a persoas con e sen discapacidade.

As probas anteriores tiveron lugar en diferentes puntos da xeografía galega coma Castrelo de Miño, Boiro, Tui, A Garda e Portosín, e dende a organización do Campionato esperan poder continuar o ano próximo co seu crecemento e expansión por Galicia, visitando tamén a provincia de Lugo.

Tanto a Federación Galega de Motonáutica coma o Club Náutico Sen Amarras, coa colaboración do Concello de Tomiño e outras entidades, organizan esta competición buscando a inclusión social e fomentando a accesibilidade aos deportes náuticos para todos e todas.



X