O II Simposium de Escultura do Miño chega ao seu fin con catro novas obras de arte que se repartirán entre Tomiño e Cerveira

Os escultores, de Taiwán, Bulgaria e Colombia, traballaron ao aire libre durante tres semanas, amosando a súa arte aos visitantes

Tras tres semanas de arduo traballo, o II Simposium Internacional de Escultura do Miño, organizado polos concellos limítrofes de Tomiño e Cerveira, chega á súa fin.

Catro escultores internacionais: Fernando Pinto (Colombia), Liliya Pobornikova (Bulgaria. Residente en Tomiño; Lee, Zih-Cing e Teng, Shan-Chi (Taiwán), coordinados polo artista luso Vítor Reis, comezaron o pasado día 23 de setembro, a traballar nas súas obras á vista do público.

Este ano a cita foi en Vila Nova de Cerveira, fronte ao Baluarte de Santa Cruz.

Moitas foron as persoas que durante as tres últimas semanas puideron ver aos artistas crear as súas obras en grandes bloques de pedra, a maioría mármore, dos que foron sacando formas , volumes e figuras sorprendentes.

Unha das máis impresionantes, polas súas dimensións é a do colombiano Fernando Pinto. Bautizada coma “Puerta rosa”, a escultura mide 3,20m. de alto por 2,60m de ancho e 0,75m. de profundidade. Segundo o propio autor, a obra “simboliza la tierra y el hombre”, e pretende “marcar un sitio propicio para que la gente reflexione y vuelva a conectarse con la energía de la tierra”.

Outra das apostas deste ano foi a parella de artistas taiwaneses Lee, Zih-Cing e Teng, Shan-Chi, coas súas obras “Cycle password” e “Dragão”, respectivamente. Estas son as dúas que pasarán a formar parte do patrimonio artístico de Tomiño e serán situadas en lugares públicos axeitados.

Por último, Liliya Pobornikova, realizou unha composición, “Spring”, que xunto á obra de Pinto, quedarán en Cerveira.

Este certame escultórico, de carácter transfronteirizo, pretende promover o intercambio intelectual e profesional entre os artistas e o público, coa intención de que este poida apreciar a evolución das obras e interactuar cos creadores.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, salientaron a importancia de “achegar a arte á rúa”, e lembraron que, tanto Cerveira coma Tomiño, son terras de artistas e comparten un patrimonio común.