O judoka tomiñés Brais Pereira, medalla de prata na Copa de España Junior O concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, quere felicitar aos deportistas do club Baixo Miño polo seu gran papel no campionato

O responsable da Concellería de Deportes de Tomiño, Ismael Troncoso, quere felicitar publicamente aos cinco deportistas do club de judo Baixo Miño e a súa adestradora, Mónica Pacheco, polo gran papel desempeñado na Copa de España Junior celebrada a pasada fin de semana en Gijón. Entre eles, os tomiñeses Adrián Romero e Brais Pereira, que acudiron con toda a enerxía posta en clasificarse nesta proba puntuable para o ranking nacional.

Brais Pereira conseguía a medalla de prata na categoría de -81 quilos despois de gañar todos os seu combates excepto a final, a pesar do que volveu para casa coa máxima puntuación e demostrando que segue sendo un dos mellores judokas da súa categoría a nivel nacional.

Por outra banda, o outro tomiñés, Adrián Romero, campión galego cadete a pasada temporada, non conseguía pasar da primeira ronda, aínda que xa está traballando para volver subirse ao podium nos vindeiros compromisos.

Ambos os dous judokas tomiñeses, aínda pertencentes á categoría junior, competirán o vindeiro venres 8 de decembro na Supercopa de España Senior para ir adquirindo máis experiencia.