O mercado de Tomiño prepara unha campaña de Nadal con obradoiros, menús e sorteos

  • A primeira das actividades, un taller de centros e coroas de Nadal,  terá  lugar o día 3 de decembro pola tarde

 

Co lema “O mercado sabe a Nadal”, o Concello de Tomiño organiza unha campaña ao longo do mes de decembro, que inclúe obradoiros florais, de maquillaxe e cociña; ideas e receitas para preparar os mellores menús de Nadal, e sorteos, con cestas de Nadal e lotaría. Asemade, os praceiros prepararon un portal dos desexos, onde poderán depositarse cartas dirixidas a Papá Noel e un photocall (pequeno escenario onde facerse fotos), cunha singular decoración acorde a estas datas festivas.

A primeira das actividades programadas terá lugar o día 3 de decembro pola tarde (de 17.00 a 19.00 horas). Será un taller de confección de coroas e centros de Nadal, acompañado por un chocolate quente. As inscricións (cunha matrícula de 10 euros) deben facerse no posto Floristería Marisa, na planta baixa do edificio.

O obxectivo desta campaña é o de promover e promocionar o mercado municipal, para contribuir á dinamización da vida social e comercial da vila.