04 Nov 2016 O Mercado de Tomiño xa pode visitarse online dende calquera parte do mundo

  • Os navegantes terán a posibilidade de percorrer por dentro a instalación de forma virtual en 360º
  • Aínda que algúns mercados de Galicia xa teñen este servizo, o de Tomiño é un dos primeiros da Comunidade en ofrecer este tipo de difusión pública e globalizada

 

A partir de agora se alguén pon “mercado de Tomiño” no  buscador de Google desde calquera lugar do mundo con conexión a internet, poderá coñecer e visitar o mercado de abastos tomiñés, totalmente reformado hai un tempo.

 

Os navegantes terán a posibilidade de visitar o mercado a través de Google Maps, e percorrelo de forma virtual en 360º dende onde se atopen, sen ter que facelo fisicamente.

 

Con esta acción “posicionamos o noso mercado en buscas de Google e podemos visitalo, grazas ás novas tecnoloxías”, sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

 

Aínda que algúns mercados de Galicia xa teñen este servizo, o de Tomiño, é un dos primeiros da Comunidade Galega en ofrecer este tipo de difusión pública e globalizada.

 

Ademais da visita virtual polo interior do edificio, o navegante atopará na ligazón (http://maps.google.com/maps/place?cid=15113498850728130126) unha ampla galería fotográfica, cos distintos postos do mercado, servizos e actividades complementarias que se levan a cabo dentro da instalación.

O mercado conta cunha ducia de postos de produtos frescos (froita, verdura, carne, peixe, chacinaría, panadería, produtos ecolóxicos, conservas, florería, etc.), situados todos eles na planta baixa do edificio.

A planta superior acolle postos coma un de comida caseira para levar, conservas naturais, viñoteca e outros que se incorporarán en breve. Esta planta, á que pode accederse tamén por ascensor, constitúe un novo espazo lúdico-gastronómico, dotado de música ambiental, wifi gratuíta, e outros servizos.

Dentro da campaña de difusión que se está levando a cabo, o Concello creou unha páxina web (www.mercadotomino.com), e outra de Facebook (Mercado de Tomiño) que xa ten cerca de tres mil seguidores.

 



X